VERANO

Seis grupos folk actuarán mañá na Festa do Pulpo

photo_camera Flavio Morganti nas Xornadas Gastronómicas.

O chef Flavio Morganti cociñou onte e hoxe hay concurso de camisetas 

A agrupación Andasoa organiza este ano o festival folclórico da Festa do Pulpo de Carballiño, recollendo o testigo de Iago Güelin, que se encargou en anteriores edicións. Así llo recoñeceron e agradeceron Alicia González e Sonia González, que xunto co concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, presentaron o programa que se desenvolverá mañá domingo. Este ano participarán seis grupos galegos: Orcellón do Carballiño, Donas e Galáns de Ferrol, o grupo de Centro Recreativo e Cultural O Torreiro de Priegue (Nigrán) e Lembranzas de Bergantiños (Carballo). Ademais se inclúe neste efestival dúas agrupacións de música folk: Zurrumalla de Vigo e Coanhadeira de Ourense. Estes dous grupos actuarán pola tarde, dende as 17,00 horas.

O concerto folk non será a única novidade deste ano, xa que tamén haberá variacións no desfile dos grupos. Cada unha das formacións partirá dun dos barrios da vila carballiñesa, para xuntarse no centro e seguir ata o Parque Municipal, levando así a música deste festival a un maior número de veciños.

Así mesmo, Alicia González aseguraba que durante todo o festival se interactuará moito co público, estando previstas varias sorpresas para tódolos asistentes.

Ademais da presentación do festival, onte foi unha xornada de moita actividade co sorteo de vales de compra do Centro Comercial Aberto do Carballiño, a Feira Mostra de Artesanía, unha exhibición do Clube de Patinaxe AEHDE e tamén unha nova sesión das Xornadas Gastronómicas, con Flavio Morganti, que deleitou ós asistentes cos sabores máis sorprendentes. O día remataba con Troula Animación Pachamama e a verbena na Praza Maior coa orquesta Primera Línea.

A xornada de hoxe, víspera da Festa do Pulpo, estará cargada de actividades e espectáculos. O autobús temático Gadis ofrecerá na Praza Maior o museo itinerante de Vivamos como galegos! que recolle oito anos de campañas. Tamén haberá un campionato de percorridos de caza e, como actividade principal, o concurso de camisetas, no que se prevé unha participación dun millar de persoas que competirán coas súas creacións. As peñas tamén defilarán pola vila a ritmo de batucada. A partir da medianoite haberá fogos de artificio.

Te puede interesar