Innovacións que están nos sotos (IV)

Portada del libro de Xosé Manuel Cid. (Foto: )
Volv os mestres sancionados, os avances pedagóxicos do primeiro terzo de século foron arquivados, destruídos, ou igual que os seus autores, escondidos.
Xa comentei que dona Dolores Santaeufemia, esa divinidade de muller que me presentaron Luis Taboada e Soledad, levoume á súa casa de Velle, e alí me deixou consultar 26 números de Escuela del Trabajo. Despois de sacar a parte de abaixo dun sofá-cama e levantar unha taboa, encontramos o tesouro alí gardado case 50 anos, e ademais non había perigo de que dona Olga prohibise a consulta. Os autores que vivían disfrutaron tanto como eu de poder recuperar para a historia da educación aquel traballo seu dos anos 30. Ela tamén me recomendou ir a ver a don Raul. Mestre progresista, agnóstico ata a morte, dunha ética superior, era amigo do seu marido, Abel Carvajales e seguro que lembraba moitas das innovacións que fixeran colectivamente.

Armando F. Mazas tamén tiña algún número da revista, pero alucinou cando os víu todos xuntos. Acuña xa tiña morto, pero tempo habería para recuperar a súa memoria, coa axuda das xentes de Trives. De don Balta non querían falar, pois acabaron confesando que pensaban que non ía ser de axuda, por andar metido na bebida. Certo que o viño fai esquecer, pero asegún a importancia dos recordos. Non son psicólogo para descifrar as cabezas. O meu traballo é o dun afeizoado á historia. Fun velo á Gudiña onde estaba desde a súa xubilación. Na Gudiña dixéronme que estaba na súa aldea de Montederramo repartindo a herdanza aos fillos. Atravesei o macizo galaico ata dar con el. Xa case era noite, e despois de identificarme, e superar o susto de ver que 50 anos despois volvía andar alguén descoñecido a buscalo na casa, acedeu a ir ata o 850 que eu conducía e repasar cada número da revista. Don Baltasar Vázquez, o director da revista en 1932-33, deixara a bebida e vaia se se lembraba. Cando o meu amigo Anxo Porto e mais eu saiamos en dirección á meseta para asistir a algún congreso de Historia da Educación sempre nos parabamos na Gudiña para saudar a don Balta e xantar con el. O certo é que volveu meterse na bebida ou a bebida volveuse meter nel. O COES acabaría con el, pero xa quedaban para a historia mais de noventa intensos anos. Don Balta era depositario de boa parte da historia do maxisterio republicano. Lembraba os xornais escolares que facían os mestres da zona, mediante o texto libre, antes de coñecer ó Freinet. Lembraba as visitas do Inspector central de Madrid que viña para abrirlle expedente aos mestres da ATEO por dar mitins despois das clases, e acababa felicitándoos. O amigo Baltasar deixou ao campesiño co que traballaba de criado con nome e identidade falsa, despois de saber que ameazaban con matar as súas irmás xemelgas de 14 anos, e mesmo simularon que disparaban. Presentouse e acabou nunha fábrica en Valladolid durante trinta anos, despois de arranxar contas coa inxustiza.

Son tantas as innovacións que dormen nos sotos e nos armarios, que non teño espazo para todas. Moito xa o teño escrito nos últimos vintecinco anos. Vale a pena lembrar aquel plan de escola para Galicia, 'Escola e vida', que Armando F. Mazas redactou, escondido nas montañas de Castro Caldelas e logo queimou para non comprometerse. Axudeille a recuperar algunhas reflexións para o número tres da Revista Galega de Educación. Ata conseguín que ampliase os seus recordos en dous libros extraordinarios: Ourense, Atenas de Galicia, e Política y Pedagogía, memoria teórica de un maestro de la ATEO.

Ignacio Herrero desfíxose de moitos orixinais sobre a súa teima: o ensino da lectoescritura. Neste caso non era por ser comprometido, senón porque era de moito peso para ir nun carro de palla camuflado ata a fronteira portuguesa e fuxir a Cuba desde Lisboa. Pero no exilio, xa en Venezuela, e sendo unha autoridade académica e científica, reconstruíu as súas ideas sobre o tema e alá seguen inéditas. Na segunda edición do meu libro sobre o maxisterio republicano, que acaba de sacar a editorial Andavira, hai un CD con documentos que me facilitaron os fillos en San Carlos de Cojedes. O mesmo se pode dicir do 'Proyecto Educacional' de Rafael Alonso, escrito na cadea antes de ser paseado, e que foi facilitado pola sua sobriña Marité para incluir nos anexos do libro citado. ¡¡¡Que canto á interdisciplinariedade ¡¡¡

Non podo rematar este artigo sen a referencia aos métodos da Escola Nova postos en práctica por Rosa Pons, protagonista da última biografía que escribín, publicada por Nova Escola Galega en 2009. Cataluña recuperou a esta mestra a finais da República, despois de chegar a Parada de Sil desterrada en 1924 por dar as clases en catalán. Nese tempo o rural galego puido disfrutar da súa pedagoxía innovadora, en colaboración co xa citado Alfonso García Rojo: cadernos de rotación, centros de interese, saídas polo entorno, correspondencia escolar, coeducación, misións pedagóxicas, centros de colaboración, cantinas escolares, teatro escolar, e recentemente, clubes culturais, festas populares, saídas culturais para maiores, aulas de terceira idade... Innovacións que deron paso ao deserto, miseria cultural e pedagóxica.


(*) Profesor y autor del libro 'Educación e ideoloxía en Ourense na segunda República'


Nota. La fotografía que ayer aparecía referenciada como calle del Paseo, en realidad era una imagen de Ribadavia.

Te puede interesar