O programa deste ano presenta a novidade dun novo mercado na Alameda, ademais do tradicional do casco histórico

A Istoria leva a Ribadavia ó medievo

A voda xudea é un dos grandes momentos da celebración.
AFesta da Istoria volve este ano ás rúas de Ribadavia coa principal novidade da presencia dun mercado artesanal na Alameda da vila, que se une ó xa tradicional do casco histórico. Tódolos comercios presentes nel abrirán ó público o próximo venres, día 27, ás 18:30 horas. Permanecerá ata que conclúa a edición deste ano.
O programa desta vigésimo segunda edición consolida as actividades realizadas nos últimos anos. Os festexos comezan este xoves ás 20:30 horas na Igrexa de San Xoán, onde se celebrará un concerto de música medieval da man do coro 'Ecos do Avia', o 'Cuarteto de Clarinetes de La Lira' e o 'Coro da Istoria ? Coral Club Artístico'.

Será o día seguinte, o venres, cando as rúas ribadavenses comecen a encherse de música e teatro. Os principais acontecementos dese día comezarán ás 21:30 horas. A partir dese momento sucederanse a procesión da 'Cruz Verde' e a representación do 'Auto de Fe'. Ás 23:00 horas comezará o 'Aquelarre' na Praza Maior, mentres que ás 12 da noite chegará a esperada 'Queima do Castelo', un espectáculo que mestura acrobacias, pirotecnia e música.

O sábado, día 28, rúas e prazas trasladaranse á Idade Media no momento en que os veciños e visitantes cambien a súa roupa por traxes de época. A xornada comezará ás 10 da mañá coa lectura do 'Bando da Istoria'. Tamén dende primeira hora haberá grupos de teatro e músicos actuando por tódolos recunchos da localidade; así como artesáns que ofrecerán os seus productos nas rúas da parte vella de Ribadavia. Ese mesmo día será cando dúas persoas se unan na 'Voda xudía'. A cerimonia terá lugar ás 13:30 horas na Madalena.

Tiro con arco, con ballesta e cetraría serán algúns dos espectáculos que durante o día poderán ver os que se acheguen á vila do Avia. Tras outras actividades como a exhibición de esgrima, o torneo ou o baile, a Festa da Istoria 2010 pecharase ás 22:30 horas na Madalena coa celebración dunha cea medieval, na que só poderán participar aqueles que vaian vestidos para a ocasión.

En canto á afluencia, as peticións de información rexistradas estes días indícanlle á organización que a participación podería ser coma en edicións anteriores. Cómpre sinalar que o ano pasado achegáronse a Ribadavia unhas 45.000 persoas.

Te puede interesar