VERANO

A LV Festa do Pulpo agarda 
un novo récord de asistencia

<p></p>
photo_camera Budiño e Peón, durante o concerto ofrecido en O Carballiño.

A organización valora o éxito da campaña de promoción, a programación e a Tapa Xigante

O gaiteiro Xosé Manuel Budiño compartiu co público do Carballiño os 20 anos de vida do seu disco debut “Paralaia”, nun concerto que ofreceu dentro da programación da 55ª edición da "Festa do Pulpo", acompañado dunha banda nova formada para tan sinalado aniversario. Tamén actuou como artista invitada Mercedes Peón.

O concerto de Budiño e Mercedes Peón foi un dos que se están ofrecendo nestes días, en véspera da festa gastronómica do próximo domingo. O grupo La Unión pechará hoxe, ás 23,30 horas, este ciclo na Praza Maior, co Hip-Gnosis Mundo Tour co que está percorrendo a xeografía española cun gran éxito de público.

Segundo asegura a organización desta 55 edición, a repercusión mediática da Tapa Xigante de Pulpo do martes pasado, a programación e, sobre todo, a grande promoción realizada durante todo este ano auguran unha afluencia extraordinaria de visitantes á vila do Carballiño e ao Parque municipal o vindeiro 13 de agosto. De feito, xa están a piques de esgotarse as entradas para o xantar do recinto oficial.

"A difusión das noticias sobre a Tapa Xigante e a LV Festa do Pulpo deste ano pode cualificarse de histórica, xa que nunca se realizou unha promoción e un seguimento tan masivos como nesta edición, ademais de contar coa maior afluencia de público dos últimos anos. Como mostra, hai que dicir que a páxina do facebook do concello do Carballiño ten neste momento un alcance de máis de 415.000 persoas", engaden os organizadores. Ademais, valoran os tres spots promocionais de Pescanova nas redes sociais da campaña “Algo se cuece en O Carballiño”, que tamén superan neste momento as 600.000 reproducións, e tamén se refiren ao impacto extraordinario da campaña de promoción de Abanca en todas as súas oficinas e lugares contratados para a súa publicidade, chegando a ducias de miles de persoas. 

Te puede interesar