CELEBRACIÓN

A Madanela reúne a centos de devotos no Carballiño

<p></p>
photo_camera A procesión da santa foi presidida polo bispo da Diócese, monseñor Lemos Montanet.

O bispo de Ourense presidiu a misa e a procesión solemnes nesta paraxe natural

Centos de devotos da Magdalena tiveron onte a súa cita anual na romaría do 22 de xullo, a única que se celebra no municipio do Carballiño, e que ten como marco unha carballeira situada a 900 metros de altura. Cunha temperatura agradable, neste monte da parroquia de Lobás, que os veciños coñecen como "da Madanela" en adicación á santa, os fieles asistiron a unha misa solemne, seguida dunha procesión pola paraxe natural, presididas ambas polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, e que foi coordenada polos integrantes da Cofradía da Madanela.

No amplio campo da festa e ó abeiro das árbores para resgadarse do sol, os asistentes xuntáronse en familias e pandillas para xantar polbo, empanada e carne ó caldeiro, acompañado de pan de Cea e viño do Ribeiro. Entre os comensais atopábase o alcalde carballiñés, Francisco Fumega, e outros concelleiros da Corporación, así como o ex-alcalde, Manuel Vázquez, oriundo desta parroquia. Pola carballeira instalaronse os habituais postos de comidas, polbeiras de Arcos, rosquillas e casetas ambulantes nas que se venden todo tipo de artigos e complementos.

Esta tradicional romaría tivo o seu prólogo na noite do pasado xoves, coa "procesión das antorchas", na que cofrades e veciños acompañan a efixie da Madanela dende a igrexa parroquial de Lobás, ubicada noa localidade de Costoia, ata a capela da santa no monte, para logo regresar ó punto de partida e participar nunha "sardiñada". Pero tamén tivo a súa continuidade onte, pola noite, tamén en Costoia, coa celebración dunha gran verbena a cargo das orquestras Israel e Estelares. E hoxe, ó mediodía, voltarán a subir ata a carballeira para asistir a unha misa e disfrutar doutro xantar.

Te puede interesar