Mesego abre os festexos coa empanada xigante

Ademáis da vianda de 4 por 2,25 metros haberá unha actuación do grupo musical Menfis

A localidade de Mesego, no municipio do Carballiño, celebra dende hoxe e ata o vindeiro luns a súa tradicional Festa da Empanada, que este ano acada a 50ª edición, cun completo programa de actividades. A primeira cita será hoxe, sábado, no campo do comunal da parroquia, onde, dende as 21,00 horas, a organización procederá a cortar e distribuir as racións dunha empanada xigante de carne e atún, cunhas dimensións de 4,40 por 2,25 metros, que será servida en racións a todos os que desexen asistir. A velada gastronómica rematará coa actuación do grupo Musical Menfis.

Xa o domingo, día 18, a charanga Castro Bello encargaráse de espertar ós veciños cun pasarrúas, e ás 13,00 horas oficiarase na igrexa parroquial de Mesego unha misa solemne cantada pola coral polifónica Casino do Carballiño, seguida da procesión coas patronas Santa María e Santa Lucía. Pola noite, gran verbena coa orquestra Salsarena e o Trío Sensaciones.

Na derradeira xornada dos festexos, o luns día 19, haberá de novo unha misa ás 13,00 horas na igrexa da localidade, mentres a orquestra Compostela será a encargada do baile no campo do comunal. A organización ten preparadas, ó mediodía e pola noite, empanadas  de carne, sardiñas, atún e cangrexo, entre outras variedades, para a súa venta ou degustación en racións no mesmo emprazamento dos festexos.

Te puede interesar