VERANO

Mesego convidou á empanada máis grande das festas

20.08.16.O CARBALLIÑO.MESEGO.FESTA POPULAR EMPANADA XIGANTE.
photo_camera Os veciños desta parroquia do Carballiño distribuiron as porcións de carne, atún e polo e un vaso de viño ó prezo de tres euros entre o público

Os veciños desta parroquia do Carballiño distribuiron as porcións de carne, atún e polo e un vaso de viño ó prezo de tres euros entre o público 

Unha empanada de case cinco metros cadrados foi o reclamo que a parroquia de Mesego, no municipio do Carballiño,  ideou para atraer asistentes a un evento gastronómico que xa cumpre a súa edición número 47, sete anos máis xoven cá Festa do Pulpo.

Así, na primeira xornada da "Festa da Empanada", a comisión organizadora encargou nun forno unha de tamaño xigante, de 2,20 metros de longo por outros 2,00 de ancho, con carne, atún e polo como ingredientes principais. E á primeira hora da noite de onte, os veciños fóronna cortando para facer racións, que logo distribuiron entre os numerosos asistentes ó prezo de tres euros, acompañadas dun vaso de viño.

Un experimento gastronómico que tivo unha excelente acollida e que con toda seguridade repetirá a organización dos festexos, cecais co ánimo de tentar superar un récord semellante ó da "tapa de pulpo máis grande" dos seus conveciños da vila do Arenteiro. As festas de Mesego terán hoxe continuidade e abriranse pola mañá cun pasarrúas da charanga Castro Bello, antes da celebración dunha misa solemne, ás 13,00 horas, seguida de procesión.

Xa pola noite, está prevista unha gran verbena amenizada polo grupo de música latina Tamarindos. O programa festivo pecharase este luns, pero tódolos días haberá oportunidade de degustar racións das variedades de empanada que oferta a organización. 

Te puede interesar