MIT DE RIBADAVIA

A MIT destaca a diversidade tanto de xénero como de estilo

photo_camera Actuación na Praza Maior de novo circo, Cirk about it, de Castela - León. (J. PAZ)

Hoxe clausúrase a mostra e farase o reconto dos votos dos espectadores á mellor representación

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) reservou para os últimos días do festival dous dos mellores espectáculos galegos do ano: o espectacular "Son", de Nova Galega de Danza, e "A cabeza do dragón", dirixido por Quico Cadaval. A fin de semana estuvo chea de todo tipo de artes escénicas: danza, circo contemporáneo, comedia e maxia. 

Onte actuou a compañía de novo circo de Castela-León, Cirk about it, que acaba de recibir os Premios FETEN 2017 ao mellor espectáculo de rúa e tamén o da Feira de Teatro de Castela-León. O mesmo día, a programación contou no auditorio Rubén García do Castelo con Nova Galega de Danza, un gran espectáculo que fusiona distintos estilos, con gran vistosidade tanto na escenografía coma no vestiario, para evocar a paisaxe galega. O baile e a música deste espectáculo innovador, cautivaron ao público, como fixo na súa xira por fóra de Galicia, pois esta compañía ten unha forte presenza exterior.

Faltando aínda o último día do festival, xa se levan contabilizado ao redor de 10.000 espectadores, cumplíndose ampliamente as previsións da organización. O director da MIT, Roberto Pascual, quere destacar ao respecto, non tanto a cantidade de público senón, sobre todo, a diversidade do festival. 

Nese sentido, considera Roberto Pascual, que a MIT cumpre unha función importante ao atender á divesidade de espectadores tanto en xéneros como en estilos. "Buscando a socioloxía diversa e a procura tamén de novos espectadores e novos intereses para o festival. Pretendemos que sexa bo para o conxunto das artes escénicas, non só para os intereses propios, non só buscando o éxito do festival, porque atender á diversidade é bo para o conxunto das artes escénicas, e nese sentido estamos extremadamente satisfeitos", apuntaba o director da Mostra Internacional de Teatro. Despois da entrega do Premio Abrente de textos teatrais a Roi Vidal Ponte, ao que se lle ofrece a posibilidade de representar o ano próximo a obra gañadora, "Poesía", a MIT tamén entregará o Premio do Público, a aquela representación máis votada polos espectadores.

O reconto farase hoxe de madrugada, unha vez que remate a última posta en escena de "A cabeza do Dragón". A obra seleccionada polo público terá a posibilidade de repetir na próxima edición cun espectáculo distinto. A MIT ofrece este ano un total de 21 representacións de ámbito galego, nacional e internacional. 

A cabeza do dragón pecha esta edición da Mostra internacional

Hoxe clausúrase a MIT cunha xornada marcada pola maxia e pola fusión. A fusión da farsa coa tradición estética xaponesa. O espectáculo de peche será "A cabeza do dragón", ás 23,00 horas, no auditorio Rubén García do Castelo. Un formidable mundo de Valle-Inclán adaptado ao humor popular que tan ben domina Quico Cadaval e a súa compañía, nun elenco do que forman parte Quico Cadaval, María Costas, Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi, Josito Porto e Patricia Vázquez. A peza introduce elementos actuais como a crítica social, brincadeiras políticas, anacronismos argumentais, comentarios alleos á tradición do conto. A función liberadora do riso, a corrupción política, a violencia machista, a anacrónica institución da monarquía, o medo á liberdade ou a banalización do amor, son os temas que se tratan nesta obra.

Te puede interesar