Nasciturus

Hai que loitar e deixarse de observa-la vida dende a desesperanza. Merece a pena vir a este mundo atormentado e facer da vida unha inversión de felicidade.
Quérocho contar moi baixiño para que non te asustes; case nun susurro; coma se fora un suspiro. Quero que sintas a miña dozura e que te abraces forte a estas verbas duras, pero vestidas de agarimo.

Escoita: ‘Estamos en pleno temporal de crise e a rúa cheira a contratos de lixo e a xóvenes a máis xóvenes que choran o seu ‘mileurismo’ ou miseria. Así están as cousas. Non hay moitos que se resgarden baixo un paraugas posto-fixo e só uns poucos sinten como a crise chuviosa humedece o ambiente, pero esvara sen mollar. Outros corren enchoupados nunha búsqueda desesperada de abeiro, e moitos non fan nada, e baixo o orballo, asumen con resignación o andazo virulento da crise. Alustros que esna quizan as familias e bágoas que baixan do ceu mergullándose nuns charcos de auga fermentada e rabia conteñida.

Pero hai que loitar e deixarse de observa-la vida dende a desesperanza; ¡e de chorar como se foramos as choradeiras de Cangas!. Merece a pena vir, así que colle o impermeable que eu aquí te espero. Dirixe o teu corpo fráxil cara este mundo atormentado e enche a túa maleta de traballo, esforzo e sabeduría. Quero que vivas nun sorriso, que ames e que regales aloumiños. Desembarca axiña e fai da túa vida unha pura inversión de felicidade...’ Naceu o un de maio. Cabelo castaño e ollos augamariña. Chegou ó mundo e o mundo deulle a benvida. Vestidiño co meu traxe de agarimo... comeza a aventura...

Te puede interesar