Ollares

Ollares (Foto: Marta E.)
Os ollos da melancolía saben que baixo as manchas lunares no ceo tralo solpor, ladran de súpeto cans domesticados na noite, respondendo ós ouveos dos lobos.
Os cans responden dun xeito rítmico e compulsivo ós ouveos dos lobos do monte afastados das frías pedras e dos devastados valados das casas das vilas chairegas, asustados e nerviosos, entrementres brilla o único lume aceso na lareira dunha casa grande á beira da estrada, tan avermellado e intenso sobre a trasnoite do inverno do norte...

Por detrás daquel barullo hai tamén un silencio estraño e seco, afogado co bruar do vento baixo os tellados do lugar. Nos cristais das xanelas se adiviña a color apagada de enchente da escuridade do resto do día, niñando nos ocos interiores, coas contras e as persianas axeitándose e de vez en cando algunha luz de dormitorio que se acende de maneira fuxidía.

E os cans que viven domesticados ladran e dan voltas unha e outra vez arredor de si mesmos, como se trataran de ocultar parte do medo exacerbado ó silencio estraño e seco, demostrando así a valentía con calquera que intente achegarse ó valado máis próximo.

A miúdo soan os ruídos de motores sobre o asfalto da estrada principal, e a inquietude dos cans se torna maior, e volve xurdir como un louco concerto de instrumentos desafinados...

Daquela é cando o cristal da fiestra da casa grande máis afastada se abre, e un par de ollos azuis e melancólicos axexa o que sucede no exterior.

Te puede interesar