De Ourense á Acea do Bubal

odo o mundo debera poder ter un tempo de vacacións, no que ademáis de disfrutar do descanso preciso para voltar ao traballo, puidese coñecer lugares, xentes, costumes, tradicións e gastronomía que enriquecese o interior que cadaquen ten disposto a encher da cultura que lle rodea.
Pero nos tempos nos que estamos a ver, com tanta necesidade social, con tantas familias que precisan cousas básicas que outros non poden ou non queren imaxinar, quero dar unha boa alternativa, na que puiden participar grazas ao bo consello dun amigo de viaxes pola nosa provincia. Moitas veces non damos aprecio as posibilidades que se nos presentan tan cerca de nós, por iso mesmo, por estar a tiro de pedra.

Neste mes de xullo, camiño dos Peares, tomamos o desvío a Melias e visitamos a igrexa parroquial con fachada barroca. Na súa pila fora bautizado Benito J. Feijoo en 1676, mais por desgraza de todos, dinnos que xa hai tempo que desapareceu do sitio que a gardaba baixo unhas rexas ao fondo da igrexa. Logo de toparnos con Pilar e Alicia, veciñas de Melias, descansamos un chisco no bar da estrada principal, convidados pola concelleira socialista de Pereiro de Aguiar, a Figueiral, compañeira de profesión en Ribadavia. Logo seguimos a visita. A pouca distancia, a pé, en Casdemiro, temos casa natal do famoso fray benedictino Feijoo, na que os seus pais paraban con motivo da vendima. Poren levamos a desilusión de que ningún organismo oficial fose quen de facerse coa propiedade que ao día de hoxe é de titularidade privada; con todo, ademáis dunha inscripción no dintel da porta principal, duas placas contan o evento: unha do Liceo de Ourense e outra da Academía Médico Quirúrxica da provincia de Ourense.

A poucos quilómetros, pola estrada vella de Monforte, pasamos Casdecid, A bodega do Pazo da Seara do Río, Vilanova (xusto no alto temos unha vista fabulosa do Miño en San Xosé da Carballeira) e xa despois de pasar Zumento, Celeiros, Pereira e Penalva imos cara aos Peares que se atopa a 1,5 quilómetros pola estrada nova. Estacionamos o coche nun pequeno oco nunha desas curvas da estrada sinusoide que xa roza a provincia de Lugo, e imos a pé cruzando pola ponte do tren. Ricardo dí que hai que pasar axiña por se coincidimos co paso do comboio, e ainda que ten razón, eu non podo deixar de ollar unha e outra vez a fermosísima confluencia dos tres ríos: o Miño, o Sil e o chamado pequeno Bubal, do que o noso mestre Alfredo C. Rumbao decía que era 'paraíso conxunto de pescadores'.

Pasada a ponte e baixando a man dereita chegamos a Acea do Bubal. Non sorprende ver dous homes coas súas canas de pescar, tomando uns viños, e no interior un muíño rural ben decorado con rodicios doutros muíños, máquinas curiosas como as de facer taboas de chocolate (foi fábrica no seu tempo) e outro tipo de aperos que chaman moito a atención dos visitantes. Con dous pisos e amplia balconada, o amigo Raúl ofrécenos un poco de polvo con cachelos, unha boa ración de xamón e queixo, ademáis dunha bebida refrescante, eso sí, con prezos populares e excelente calidade. De súpeto, case sen querelo, chega a noitiña e as luces acéndense ao noso arredor co son do bater das augas no Búbal aos nosos pes. Xa non temos tempo para achegarnos a praia fluvial que está a poucos metros; boa excusa para voltar noutra hora. Unhas vacacións cheas de Terra, Auga e Lingua, nun recuncho propio de falar do noso e dos nosos, que os galegos apreciamos na distancia e esquecemos no próximo. Aínda estamos a tempo de achegarnos de certo ao que os demáis adoran de nós: a Nosa Terra.

Te puede interesar