Centos de persoas acudiron onte á exaltación deste producto que cumpriu 20 anos de andaina, deles dous co selo de interese turístico. A organización serviu un xantar amenizado con música para degustar alimentos galegos de calidade

O pan de Cea mantén alto o listón

En primer término, el trigo. Detrás, el campo de la fiesta. (Foto: X.F.)
OCampo da Saleta acolleu na xornada de onte os actos centrais da vixésima edición da 'Festa de exaltación do Pan de Cea', organizada polo Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) coa colaboración do Concello e o Inorde. Se ben a mañá amaneceu con nubes e ameaza de choiva, no decurso do día apareceu o sol, que contribui a eleva-la temperatura na localidade de Cea.
Os actores Tacho González e Patricia Vázquez foron os encargados de poñer a nota humorística co seu pregón, ó que asistiron o alcalde, José Luis Valladares; o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, e o presidente da Deputación, José Luis Baltar e o delegado territorial da Xunta, Rogelio Martínez, entre outras autoridades. Estas fixeron logo un percorrido polas 22 casetas adicadas á exhibición, proba e venda de productos amparadas polos distintivos de calidade de Galicia. Entre eles, o pan de Cea, do que a media tarde xa se distribuiran 1.600 das 2.500 bolas previstas pola organización, tal e como suliñou o presidente da IXP, Carlos Manuel Rodríguez. Iste panadeiros engadiu que, 'pese ós tempos de crise, o atractivo do pan mantense e creo que imos superar as cifras de venda do ano pasado'.


TRATO

As actuacións das 'Pandereteiras de Cea' e da charanga 'Santiago Apóstol' de Ourense anticiparon a apertura do recinto oficial para o xantar, no que xantaron unhas 1.000 persoas. Empanada, polbo, carne ó caldeiro, viño e pan foron o prólogo dos postres compostos por queixos, meles e biscoitos, todos eles de Galicia Calidade como os licores e augardentes. José Luis Valladares apuntou que 'nesta edición cumpríronse as expectativas en canto á afluencia, xa que as persoas que veñen a Cea sempre repitan porque reciben un trato exquisito'. O alcalde engadiu que 'hai que agradecerlle ós panadeiros a labor que están a facer de promoción e difusión do pan, que é o producto estrela de Cea'.

A xornada festeira trasladouse pola noite ó casco urbán de San Cristovo de Cea, concretamente ata a Praza Maior, onde se celebrou unha verbena amenizada por unha orquestra. Mentres, no recinto da Saleta aínda houbo tempo de repoñer forzas cunha degustación de bolas de pan acompañadas con 100 quilos de chourizos, cedidos pola empresa Castro Bello. Un grupo de axentes da Garda Civil do Carballiño controlou en todo o momento a circulación vial no contorno.

Te puede interesar