carballiño

Pazos vencerá ós franceses

Lidya Almonte, Patricia Torres e Rosendo Fernández xunto a catro voluntarios.
photo_camera Lidya Almonte, Patricia Torres e Rosendo Fernández xunto a catro voluntarios.

"1809 A Batalla" recrearase por terceiro ano consecutivo nunha festa histórica organizada polo Concello de Boborás e que conta coa participación dun cento de veciños e voluntarios ourensáns

Máis dun cento de veciños de Boborás e outros participantes chegados de diferentes puntos da provincia de Ourense recrearán a vindeira fin de semana un dos acontecementos históricos máis importantes da provincia: a batalla de 1809, que enfrontou aos galegos liderados polo capitán Cachamuíña contra as tropas francesas de Napoleón. Trátase dunha festa histórica na que os veciños de Boborás convidan aos visitantes a unha viaxe no tempo, para coñecer durante dous días en Pazos de Arenteiro os costumes, a gastronomía e o modo de vida daquela época, rematando o domingo 14 de xullo, ás 20.00 horas coa gran batalla final na Ponte da Cruz. 

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa cultural "que une historia, ocio e a solidariedade demostrada por un pobo", dixo Rosendo Fernández, vicepresidente do ente provincial, na presentación que tivo lugar no Pazo Provincial, xunto coa alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, e a tesoureira da asociación "1809 A Batalla", Lidya Almonte, a quen acompañaron voluntarios ataviados con vestimenta de soldados franceses e de veciños daquela época. 

"Este evento é máis que unha festa, porque permite coñecer o que significa a implicación total da veciñanza cun acontecemento cultural dun pobo, que se desenvolve nun enclave que é monumento nacional", expresou Fernández. Patricia Torres destacou "o grande esforzo dos máis de cen voluntarios que traballan para que todo estea a punto: vestiarios, decorados, armas, así como todos os elementos para que a recreación histórica sexa perfecta, incluíndo tamén disparos con pólvora e canóns e demostración de esgrima antiga", salientou, engadindo que ademais da batalla en si, o programa de actividades inclúe teatro histórico, espectáculos de maxia, obradoiros de danzas, olería e cestería, catas de viño e aceites, e concertos, repartidas entre o sábado 13 e o domingo 14 de xullo, entre as 11.00 e as 23.00 horas. 

A festa "1809 A Batalla" é un evento no que se recreará a batalla librada entre os trescentos galegos e os mil soldados do exército de Napoleón aos pés da Ponte da Cruz, aos que os galegos derrotaron. “Boborás rememora así a historia da vila”, dixo Lidya Almonte.

Te puede interesar