A vila de Verín xa está inmersa na súa primeira gran celebración do verán: a batucada, e os máis pequenos vestíronse de súperheroes para anuncialo. Trátase da xa tradicional "ludobatucada", na que este venres desfilaron 119 cativos caracterizados, entroutros, de pequenos "batmans", capitáns américa ou súperman.
O evento estivo organizado pola Oficina Municipal Xuvenil do Concello de Verín e deu comezo pouco máis tarde das 11,00 horas da mañá. A Casa Consistorial foi o punto de inicio e o primeiro momento no que os rapaces amosaron os disfraces que, con moito esmero e coa axuda de pais e monitores, prepararon nestas últimas semanas. Alí, o rexedor local, Gerardo Seoane, exerceu como maestro de cerimonias recibindo ao centenar de cativos. Tamén estivo presente a concelleira de Cultura, Emilia Somoza.
Acompañados pola Banda de Gaitas de Verín, os nenos recorreron as principais rúas da vila verinense: Laureano Peláez, Lisa e Praza Maior. A festa continuou durante toda a mañá no Colexio Amaro Refojo.
A fin de semana grande da batucada verinesa retomarase hoxe pola tarde cunha festa da auga e da escuma, que estará amenizada pola popular discomóbil A Gramola. Ao redor das 19,15 horas comezará a batucada coa participación dos grupos Trópico de Grelos e Támega. Baiuca Live A/V Show ofrecerá unha inédita e novedosa actuación como broche final.