‘Plenitude’

Plenitude. (Foto: Xoán Baltar)
Pechou os ollos por mor da claridade, para él descoñecida, e voltou a abrilos despois duns breves segundos. Primeiro foi unha visión borrosa.
Ata que pasou unha media hora non puido intuír os rasgos suaves daquel rostro que tiña diante. El, que non sabía aínda quen era, nin onde se atopaba, que descoñecía que acababa de nacer, cando viu aquela mirada que estaba a observalo, adiviñou que nela estaba toda a verdade. Retivo a fragancia dela, que xa o acompañaría ó longo de toda a súa vida. A nai acariñou con singular tenrura a súa meixela; despois pasou na súa fronte un bico roubado dos seus propios beizos co dedo furabolos. El axitou as mans con nerviosa alegría, e ela respostoulle cun sorriso. Deste xeito, a paz inundou os seus corazóns, e os dous sentíronse seguros. Ficaron durmidos, nunha unión idílica illada da realidade circundante. Eran donos do seu particular universo, e ninguén era quen de entre meterse nel. Aquela imaxe semellaba un cadro de perfeccións sensuais difíciles de superar. Transcorreron os minutos, as horas, nun contexto de placidez absoluta, nunha realidade situada fóra do tempo.

A muller espertou cando se decatou de que o dedo polgar da súa man dereita era apertado co tesón por outra pequena man que, coa súa pouca forza, non semellaba disposta a soltalo. Ela soubo que se creara entre eles un vínculo eterno; foi consciente da intensidade do amor real e desinteresado. O neno, ó suxeitar o dedo coa súa man inocente, poñía en práctica, sen sabelo, un rito ancestral non escrito en ningún tratado de comportamento humano, mais repetido durante séculos e milenios. Estaba a tomar posesión e, sen dúbida, era para sempre.

Te puede interesar