CELEBRACIÓN SAN ROQUE

A procesión na honra de San Roque puxo o remate ás festas de Castrelo

<p></p>
photo_camera Un momento da procesión na honra de San Roque no parque náutico de Castrelo de Miño.

A imaxe do patrón da localidade de Cortiñas foi levada en barca polas augas do río Miño, acompañada por numerosos fieles

O municipio de Castrelo de Miño deu por rematadas as súas festas do mes de agosto coa tradicional romaría na honra ó San Roque, patrono da localidade de Cortiñas, na que se veu celebrando dende o pasado domingo a "Festa da Codorniz".

Tras un pasarrúas, que correu a cargo da banda de música La Lira de Ribadavia, a efixie do santo foi subida, ó mediodía, a unha barca polos integrantes da comisión organizadora dos festexos, para iniciar un pequeno percorrido polas augas do encoro do río Miño, mentres a agrupación musical acompañou a comitiva no catamarán municipal.

A continuación, despois do desembarco dos participantes na procesión fluivial, procedeuse a oficiar unha misa solemne na explanada do Club Náutico, seguida por moitos veciños chegados dende varios puntos de Castrelo e do resto da comarca do Ribeiro. Logo dos ritos litúrxicos, acendéronse as braseiras para preparar de novo o prato estrela de Cortiñas, a codorniz, que foi a gran protagonista gastronómica na zona nos últimos días, servida con pan e viño da Denominación de Orixe.

Unha sesión que tivo continuidade á noitiña, antes de comezar a animada verbena, que correu a cargo da orquestra Arabia e da mesma banda La Lira, ata as primeiras horas da madrugada. Deste xeito concluiu o amplo programa festeiro deseñado en Castrelo de Miño, que se abriu na primeira fin de semana de agosto coa "Festa da Anguía" e seguiu, este pasado domingo, coa "Festa do Xarrete e do Xarrote", na parroquia de Macendo.

Un Concello que se prepara tamén para recibir, na tarde do vindeiro sábado, a primeira etapa da Volta Ciclista a España, que consiste nunha contrarreloxo por equipos que terá como final a propia explanada do Club Náutico, á beira do río Miño.

Te puede interesar