A pesar de teren as súas preferencias persoais, tódolos espectadores sinalan, ante todo, o mérito e o esforzo dos grupos

O público é xuíz esencial no festival

El grupo de Segovia fuel el primero en actuar ayer por la noche en Carballiño
Normalmente algún dos grupos participantes nas Xornadas do Folclore xa pasou por algunha das 27 edicións que o festival ten ás súas costas; pero outros son unha auténtica novidade para os espectadores ourensáns. Se ben é certo que cada país ten o seu folclore -diferente ó do país veciño-, sempre, en maior ou menor medida, tendemos a asociar patróns culturais segundo o continente do que procede un colectivo.
Así, mentres que sabemos que os rusos nun momento dado comezarán a mostrar destrezas dignas dun acróbata, tamén podemos intuír que coas músicas latinoamericanas nos ha custar manternos quietos no asento. Pola contra, as mulleres dubidaremos da nosa feminidade ó ver os delicados movementos das mozas asiáticas, mentres que os tambores africanos contaxiarán ata ó máis arrítmico.

Pero, que zona é a favorita do público á hora de verse na obriga de escoller? Pois ningunha. Non hai quen se atreva a sinalar unha área folclórica como máis atractiva ca outra.

O comentario xeral, ó preguntarlle ós espectadores, é sempre o mesmo: todos teñen moito mérito e a experiencia é moi enriquecedora. Se de amenidade se trata, a maioría coincide en que os rusos, normalmente, son os máis vistosos. Deste xeito, mentres que os do Leste gañarían polas súas piruetas, tamén é de sinalar a profesionalidade técnica que demostran os grupos do continente americano.

Outro elemento de interese, sobre todo visual, son as vestimentas que lle dan forma ó folclore e ós costumes do mundo enteiro. Sempre resulta interesante comparar a maneira que teñen de porse de gala a través dos países.

Tampouco hai, a grandes rasgos, unha agrupación que permaneza especialmente na memoria dos ourensáns, porque dun ano para outro o que mellor recordan é que a selección dos grupos sempre satisfai as expectativas.

Uns conxuntos folclóricos gustan un pouquiño máis ca outros, como é natural, pero o que conta é que o espectáculo en conxunto non deixa indiferente a ninguén. Un ano máis, así se está vendo no éxito de convocatoria que supoñen as Xornadas do Folclore en cada unha das vilas que visitan.

Te puede interesar