Os veciños de Puxedo, en Lobios, voltaron estes días no tempo para recuperar os métodos de elaboración artesanais dun producto tan imprescindible na alimentación galega como é o pan. A aldea limiá continuaba deste xeito co ciclo do pan, que este ano celebrou a súa quinta edición. Centos de persoas, tanto adultos como nenos, quixeron achegarse a observar en primeira liña as demostracións dos oficios antigos. Así, a malla do centeo foi realizada, como mandaba a tradición, polos homes do núcleo, que coas súas ferramentas golpearon o cereal para preparalo antes de levalo ó muíño e convertelo en fariña.
A festa, que contou coa meteoroloxía do seu lado, reuniu a veciños e visitantes en torno a unha ampla programación na que o pan foi o verdadeiro protagonista. Ademais de realizar unha tarefa tan necesaria no ciclo como é a malla, Puxedo acolleu tamén unha feira de artesanía con productos e gastronomía local de artistas da contorna.
Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo. Para eles, Puxedo preparou un amplo surtido de actividades coa tradición como punto de partida. Así, os nenos que se achegaron ata a aldea tiveron ocasión de divertirse nunha sesión de xogos populares na Praza de San Antonio, momentos antes de que se iniciase o obradoiro de elaboración de pan. Nel, os pequenos acudiron ó forno comunitario, onde os veciños lles explicaron o xeito de amasar o pan antes de metelo a cocer. A festa alongouse ata a noitiña co espectáculo "A Voar" da Ce Orquesta Pantasma.
Pero como o ciclo do pan aínda está sen concluír, mañá sábado terá lugar o último paso: a fornada. Con el, os veciños terán ocasión de degustar este pan de centeo elaborado en Lobios.