Teatro

Quince mil espectadores na Mostra de Teatro de Ribadavia

photo_camera Un dos espectáculos ó aire libre que foron ofrecidos no decurso da Mostra.

A organización amósase "moi satisfeita" dunha edición na que se apostou pola diversidade de estilos

 A montaxe "A cabeza do dragón", de Produccións Teatrais Excéntricas e dirixida por Quico Cadaval, baixou o telón na noite de onte á Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia. Un festival que na súa 33ª edición desenvolveuse durante dez días en  diferentes espazos da vila e da súa contorna, e cuns resultados cos que o seu director, Roberto Pascual, amósase "moi satisfeito". Por unha banda, polo número de espectadores, que, según a organización, se achegaría ós 15.000 tanto nos espectáculos de rúa coma nos ofrecidos nos auditorios Rubén García, do Castelo, e Manuel María, da Casa da Cultura.

Pero, tamén, "por ter dado resposta non só a un público maioritario, senón a aquel público máis exquisito e entendido que busca outro tipo de teatro máis contemporáneo", subliña o responsable da MIT. Así, xurdiu unha programación baseada na combinación dunha diversidade de estilos, "e na que hai unha xestión enfocada a ofertar aquelas obras máis xenéricas, e outras que son menos visibles para o gran público pero polas que tamén hai que apostar se queremos calidade", apunta Roberto Pascual.

Unha calidade que foi premiada polos propios espectadores, que tiñan a oportunidade de puntuar  (de cero a cinco) ó final de cada función que visionaban nos dous auditorios. "A práctica totalidade dos espectáculos tiveron unha media superior ó catro, e este é un dato que evidencia o grao de satisfacción do público que asiste á Mostra", engade o director.

Cos focos do escenario aínda a punto de enfriar, Roberto Pascual xa está a a pensar na vindeira edición do festival. "Este é un traballo moi continuo, no que tes que estar formándote de seguido, e de aprender das cousas boas, e tentar mellorar aquelas que poidan ter saído mal". Co punto de vista posto na Mostra de 2018, que será a número 34, Pascual plantéxase como reto a programación de novos espectáculos de calidade e, coma complemento, tratar de ampliar o número de actividades que van parellas ás sesións teatrais.

Te puede interesar