Suspendido de emprego e soldo

Maestros represaliados entre ellos, Albino Núñez y Abel Carbajales. (Cedida por X.M. Cid). (Foto: )
Volvendo ao Arquivo Histórico no punto en que o deixaba na anterior entrega. Solicitei o permiso para seguir consultando aquelas nóminas onde aparecía un terzo do maxisterio sen salario e no seu lugar unha explicación do motivo. Mentres chegaba o permiso, xa traballei co que tiña visto dos tres meses do verán do 36, contrastándoo co que saía en La Región ou no Boletín Oficial da Provincia, e coa opinión certeira dos amigos Armando Fernández Mazas e Luis Taboada.
Certo que a explicación mais común era 'suspendido de empleo y sueldo por tres meses', pero non deixan de ser curiosas outras anotacións mais drásticas: 'Separación de la enseñanza', 'Suspendido Resolución Orden Superior'... No medio do asombro e indignación, o mais sorprendente era ver que algúns dos asasinados no primeiro momento, seguía aparecendo na lista sen ningunha referencia á súa morte. Francisco Sierra, de Mosteiro-Xinzo, foi paseado na noite do un de agosto, e seguía na lista como se non pasase nada. Eso sí, con 'Separación definitiva de la enseñanza'. Supoño que se non procedían deste xeito, a familia podería reclamar os dereitos correspondentes, como viuva, fillos, ou outros herdeiros. Coa separación definitiva asegurábase que a familia tamén era vítima da represión, e non deixaría de selo ata a actualidade, pois ainda moitos cuestionan una pobre lei que pretende recuperar parte da memoria histórica.

Entre os que aparecían como separados definitivamente, boa parte deles eran membros da Asociación de Traballadores do Ensino de Ourense (mais de 150). Entre os suspendidos de emprego e soldo temporalmente atopábanse os mais de catrocentos restantes. Uns e outros tiñan o verán para xuntar probas e informes favorabeis, que puidesen permitirlle a incorporación á escola co comezo do novo curso.

Aqueles mais comprometidos coa república sacaron a conclusión que o franquismo os tiña no ponto de mira, e non atendía razóns que puidesen desmontar as mentiras que acerca deles se dicían nos expedientes abertos. Optaron por desaparecer, convencidos de que se gañaban os sublevados só lles quedaba o camiño da condena ou do exilio. Outros estaban moi confusos, pois ante a orde de incorporarse ás escolas en setembro, presentarse tiña riscos, pero non presentarse tamén os tiña. Por esta vía houbo moitos que efectivamente se someteron ao ditado das comisións depuradoras e con sorte a sanción quedou minimizada a meses de suspensión, traslado, inhabilitación para cargos... Outros, como dicía don Armando F. Mazas, caíron na trampa e ese chamamento a incorporarse á escola, levounos a unha vida de penuria, sen poder demostrar a súa inocencia en xuizos farsa ou axusticiamentos paralegais.


ANIQUILACIÓN

Firmas dos veciños, informes favorabeis de distintas forzas vivas, ... todo era rebatido pola dinámica dos feitos, que consistía na aniquilación do maxisterio republicano; era unha sentenza colectiva contra a intelixencia, contra as luces, contra unha escola que procuraba a redención do pobo, as liberdades básicas, o exercicio da cidadanía, da democracia e dos dereitos fundamentais.

As memorias de D. Alfonso García Rojo son o paradigma do drama polo que pasaron estes mestres. Xuntou todos os informes que puido, contou coa axuda do cura de San Miguel do Campo, do tenente da Garda Civil, da Inspección Educativa, do seu irmán xefe da Garda Civil do Carballiño, os veciños levárono con eles ás feiras para poder vivir de algo que vendía. Pero como el di: cando empezou a gañar algúns cartos na nova profesión, foron a por el, pois parecíalle pouco o dano feito de apartalo do ensino. Só en Pontevedra, levado por seu irmán despois dos primeiros meses, puido encontrar unha relativa paz e vivir do traballo que lle daban no comercio local. Non volveu á escola ata os anos sesenta, ao igual que moitos que foron amnistiados por ese tempo. Aínda daquela tiñan que facer xuramento de fidelidade aos principios do movemento nacional e demais parafernalia franquista. Amnistiados sí, educadores non.

Os tres meses de suspensión convertéronse en tres décadas para moitos, e aínda aparecen casos de sancións que non constaban nos arquivos, por tratarse de mestres que temporalmente non tiñan adxudicada escola en xullo do 36. No capítulo seguinte, ademais de referirme aos casos mais coñecidos da provincia de Ourense, citarei algún destes casos anónimos, dos que non está claro o seu final, a pesares dos anos trascorridos.

Uns meses de sanción pode parecer un alivio, pero a penitencia quedou asociada á profesión, que lonxe de exercela coa liberdade de cátedra requerida, os mestres eran constantemente vixiados, atravesando un deserto pedagóxico, un 'exilio interior' do que malamente saíron no fin do franquismo, cando xa se xubilaron.

Te puede interesar