Uns 500 mozos peregrinan polo Camiño Miñoto Ribeiro

O percorrido iníciase hoxe en Ribadavia con actividades culturais e será de 100 quilómetros

As localidades de Ribadavia e Boborás acollerán, dende hoxe e ata o sábado, aos 500 mozos que, chegados dende Portugal e diversos puntos de España, participan na Peregrinaxe Europea da Xuventude a través do Camiño Miñoto-Ribeiro. Esta iniciativa, xunto coas actividades previstas para recibir aos peregrinos, foi presentada onte no Pazo Provincial coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Miñoto-Ribeiro e alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco; as alcaldesas de Ribadavia e Boborás, Noelia Rodríguez e Patricia Torres; e o presidente da Asociación de Amigos do Camiño, David González.

David González explicou que a Peregrinaxe Europea da Xuventude a través do Camiño Miñoto-Ribeiro comezará en Ribadavia, xa que dende este punto poderán percorrer os cen quilómetros que os separan de Santiago de Compostela e que dan dereito a obter a Compostela. Desde Ribadavia sairán en dúas quendas os días 29 e 30, chegando na mesma xornada a Boborás.

E para agasallar aos peregrinos procedentes doutras comunidades, a Asociación de amigos organizou unha serie de actividades. En Ribadavia, poderán asistir hoxe, ás 21.30 horas, na praza maior a un festival de danzas tradicionais a cargo do grupo Castro Floxo da Deputación. A continuación, no auditorio do Castelo celebrarase unha recepción oficial que incluirá a proxección do documental sobre o camiño Miñoto-Ribeiro, cuxa produción tamén contou co apoio da Deputación. Xa en Boborás, os mozos e mozas que participan nesta peregrinaxe poderán gozar dun espectáculo musical.

Te puede interesar