celebración

Xigantes e cabezudos en Allariz por San Benito

Os xigantes e os cabezudos tomaron as rúas da vila alaricana na honra de San Benito (IVÁN DACAL).
photo_camera Os xigantes e os cabezudos tomaron as rúas da vila alaricana na honra de San Benito (IVÁN DACAL).

A vila do Arnoia viviu un dos días grandes das festas patronais, se ben a chuvia obrigou a aprazar a actividade infantil da tarde

A historia de San Benito é a historia mesma de Europa, de onde se considera un dos seis patróns por ser o fundador da vida monacal. Ademais diso, son numerosos os puntos da provincia que lle renden culto. Un deles é Allariz, onde dende o xoves se celebran as festas patronais cunha ampla programación cultural e gastronómica. Durante a fin de semana viviranse os días grandes da festa, que onte comezaron co tradicional desfiile de xigantes e cabezudos. A pesar de que media tarde estivo pasada por auga, o tempo aguantou para o percorrido destas senlleiras figuras polas rúas da vila, acompañadas pola agrupación De pé feito. O trío Refugallo foi o encargado de poñerlle música á sesión vermú no Campo da Barreira. 

A chuvia non foi tan benévola coas actividades previstas para a tarde. A carreira de obstáculos "Arnoia radical", dirixida ás familias, tivo que aprazarse e está previsto que se celebre esta tarde ás 18.30 horas. Deste xeito, as festas na honra de San Benito vivirán hoxe o día grande coa procesión solemne ás 11.30 horas, acompañada de novo polos tradicionais Xigantes e Cabezudos. Ademais das diferentes actuacións musicais, Allariz despedirá os festextos a media noite cun espectáculo de pirotecnia no Campo de Vilanova.

Te puede interesar