Santiago Bonay, o barallete, unha identidade gremial

“Oreta”, “oreto”, “amoranto”, “barrosantear”, “calateo”, “pilotra” ou “zutra” son tan só algunhas das máis de 1.600 palabras do barallete compiladas no libro “O barallete. O segredo mellor gardado"

Para situarnos, aínda que son poucos os que o descoñecen, que é o barallete?

É unha fala especial que tiñan os ambulantes da chamada “chaira”, que abranguía unha serie de concellos do norte da provincia de Ourense. Fálase, concretamente, do barallete dos “ambulantes da chaira”. Isto débese á existencia doutro barallete, o dos “xingreiros”, asociado os músicos ambulantes ourensáns. Trátase dunha xerga que non só empregaban os afiadores como comúnmente se pensa, senón que tamén era coñecida por paraugueiros, quincalleiros, barquilleiros, cerraxeiros, capadores… 

Entón, como podería definirse o barallete?

Segundo o filólogo galaico portugués Jorge Rodrigues Gomes, para mín o estudoso que máis investigou e mellor describiu o “barallete”, trátase como un “criptoleto gremial”. Para facelo máis sinxelo, é unha fala especial, gremial, unha xerga, unha linguaxe de grupo… 

Tan só as persoas deses gremios coñecían esa fala?

Era unha maneira de entenderse entre eles que naceu co fin de que todo aquel que non pertencese ao grupo entendese a conversa que podían ter. 

Entendo que a empregaban alá onde estivesen…

É máis, diría que o falaban máis cando se atopaban lonxe da súa terra. O oficio do afiador era un oficio moi solitario, pero a veces atopábanse en vilas, e cando, tras o traballo compartían un viño nunha taberna ou se atopaban nunha “ameixúa” (pousada en barallete) empregaban o barallete. Ou nas feiras, ou xogando as cartas… Eles tiñan as súas consignas en barallete. 

É curioso que se crease unha fala para que non os entendese ninguén máis… a que cre que se debe?

Algo quererían agochar… (risas). As cousas como son, moitas das xergas dan comezo nos mundos das persoas que viven ao marxe da lei. Con isto non quero dicir que fosen delincuentes! Só que non querían que os demais soubesen de que falaban. Ademais, como o nivel cultural desta xente soia ser baixo, o saber outra fala que só eles coñecían, outorgáballes certo prestixio e un signo de identidade. Tamén creaba grupo e facíaos máis fortes entre eles. 

Santiago Bonay

Coñécese o berce do barallete?

Segundo a documentación atopada ata o momento, a que se considera máis fiable, xa no século XVIII os cordeleiros de Rocas, Concello de Esgos, falaban unha lingua denominada “barallado”. Cecáis foi aí onde comezou todo. Moitos toman o inicio no Concello de Nogueira de Ramuín debido a que foi nesta terra onde naceron moitos afiadores, entre outros traballos ambulantes, que levaron a fala do barallete alá por onde ían. Pero non por elo xurdiu neste concello. 

Nese senso, a onde se remonta o emprego desta fala?

Polo pouco que hai escrito, e segundo os traballos de antropoloxía social, de persoas como Xosé Antón Fidalgo Santamariña ou o propio Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey, -compilador por excelencia do barallete-, cando máis se falou o barallete foi posiblemente nas tres últimas décadas do século XIX e as tres primeiras do século XX. Neses anos era cando máis profesionais o falaban e tiñan conversas fluídas.

Cales son os rasgos máis característicos do barallete?

O que a mín máis me chama a atención foi que esta xente se decidira a levar adiante esta lingua, sacando da manga palabras que nada teñen que ver coa lingua nai. E como, pouco a pouco, coa transmisión oral, non quedaba nada por escrito, as foron incorporando. Como o “naceiro” (xefe do grupo), que tiña uns “mutilos”, axudantes, ao rematar a xornada, lles ía transmitindo esta fala ao redor do lume. Unha fala que só eles podían saber e que non podía trascender baixo ningún concepto a xente que fose de fóra do grupo. 

Parece como un segredo de estado.

Chegaban a maldecir a aquel do grupo que ousase transmitir o barallete a alguén non que non fose do grupo. Hai frases e palabras do barallete maldicindo ter compartido esta fala, desexándolles incluso a morte. “Que os lobos de Cabeza de Meda te coman na hora da túa morte”, “Que non chegues a noite”…

Con todo isto, temos ingredientes dabondo para afondar no barallete. Persoalmente, que o levou a vostede?

Eu levo 14 anos traballando en Nogueira de Ramuín, e dende sempre tentamos que non se esquecera a figura do afiador. Se o xuntamos a que a min todo o que xira ao redor da cultura me gusta moito… unha cousa levou á outra. Tamén fago intervencións para centros escolares, visitas teatralizadas, tiven contacto coa roda de afiar e sei afiar -daquela maneira, pero sei-, teño feito demostracións polas rúas de Ourense, Santiago, en Fitur… todo o que sexa promoción do afiador, aí estaba eu. E como non, isto vai pegado incondicionalmente co barallete. Así que fun lendo o que estaba escrito, dende Castelao que deixou escrito algunhas palabras en barallete alá polo ano 40 no seu exilio en América, a Ben-Cho-Shey. 

E chegou o libro: “O barallete. O segredo mellor gardado”.

Parte de que no ano 1987 a Deputación fixera un facsímil extraído do libro “Santa Marta de Moreiras” de Ben-Cho-Shey e había máis de 800 vocablos. Despois, noutros libros, atopabas outros tantos, así que acordei facer un traballo que fora a recopilación de todo o que estaba espallado en diferentes publicacións e facelo nun só libro, ademais de entrevistas con afiadores e outros ambulantes do concello, e poder engadir algunha palabra que estaba xa medio perdida na memoria. Así conseguín ao redor de 35 novos vocábulos, que para min é motivo de orgullo e ledicia. 
Foron moitas horas de traballo e investigación, pero conseguimos preto de 1.640 palabras e expresións. Aínda que podían ser menos, eu non son ninguén para descartalos por motivos de pequenas variacións de vogais e consoantes. Por exemplo, para decir bacallao, empregase “arañeque”, “araneque”, “arganeque”… Ademais tamén están os compostos léxicos, moitos deles antiquísimos, como por exemplo, para dicir lúa, dise “a da gaurra” (a da noite), e para dicir xamón, “zúrria de bicudo” (perna de porco). Tamén collían préstamos do vasco, como “gau”, noite, escuro;  doutras xergas como a do “caló” dos xitanos con palabras como “piltra”, e despois outras inventadas. 

Máis alá do vocabulario, tamén afonda na historia do barallete.

Si, é un libro sinxelo, pensado para o gran público. Comezamos facendo un repaso á vida dos afiadores e todo o que hai recollido deles. Dunha maneira breve, á vez que didáctica. Para aqueles que queiran afondar máis na historia antropolóxica, recomendamos ir a Xosé Antón Fidalgo Santamariña. E para os que queiran afondar en lingüística, temos que buscar a Jorge Rodrigues Gomes. Este traballo era actualizar ese facsímil de 1897. Así, chegamos a eses máis de 1.600 vocábulos que foron traducidos tamén ao Euskera e Catalán, xa que moita xente de aquí emigraban a eses lugares de traballo e ficaban neses destinos. E deso si que non había nada feito. Traducido ao Euskera e Catalán. Sen embargo si ao inglés, portugués ou ao francés. 

E tamén conta con ilustracións.

Ese é o toque máis corido. As ilustracións correron a cargo do ilustrador ourensán David Rodríguez Lorenzo. El ilustrou poesías inéditas, cartas, contos… 

Considera que está suficientemente posto en valor algo tan senlleiro como é unha fala única?

Nós o que queremos é que non se esqueza. Transmitir certos vocábulos que cheguen aos nenos. A min gustaríame poder chegar a facer un proxecto de divulgación para que, cunhas pinceladas, nenos e non tan nenos poidamos ter un coñecemento máis fondo. Podíanse por, por exemplo, carteis nos bares dicindo, “se queres auga, pide oreta”, ou “se queres viño, pide oreto mouga”… Pequenos detalles que fagan que a xente se quede con esas palabras. 
Tamén se poderían facer xornadas de “Fogueiras do barallete” coas que difundir a fala, facer cadernos de barallete e entregalos aos centros escolares… o importante é transmitilo e que non se perda.

Te puede interesar