De que se fala

Educar para a paz é moito máis que recortar pombas

xornalescolar0604_sotelino (2)

O 30 de Xaneiro de 1948 foi asasinado na India o Mahatma Gandhi. É por iso que nesa efeméride “celebramos” o día escolar da Paz e a Non-Violencia. O almanaque tamén recolle que o 21 de setembro será o día internacional da paz, así o estableceu a Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1981. 

Estas dúas datas son celebradas con multitude de homenaxes, recordatorios e actos simbólicos de toda índole. Por suposto, e como non pode ser doutro xeito, as institucións educativas tampouco son alleas a isto. 

Por desgracia, o contexto internacional está a situarnos nun momento histórico onde parece que o ser humano volve a fracasar no seu intento de velar por unha convivencia pacífica e tolerante entre estados e pobos. 

Non só me estou a referir a invasión de Ucraína, senón tamén ao que está a suceder en Siria, Palestina, Yemen, Afganistán, Etiopía, Haití, Myanmar, Colombia, Congo… e así unha longa lista de lugares onde o conflito armado está latente. 

Se vimos a un nivel máis local estamos a ver como a violencia entre mozas e mozos leva en aumento desde o 2019, mesmo diversificando a súa casuística, e levándoa ao seo das novas relacións interpersoais virtuais. 

E neste ambiente, a miña cabeza leva a facerse varias preguntas … que responsabilidade temos as educadoras/es con todo isto? Non levamos anos educando para a paz? Podemos dicir que fracasamos no intento? 

Precisamente este breve texto pretende servir como base de reflexión ante as prácticas que facemos en escolas, institutos, colexios, centros de lecer, asociacións, universidades… para conmemorar as citadas efemérides, ou ben durante todo o ano. 

Cando queremos traballar pola promoción dunha cultura de paz é habitual que fagamos uso dos símbolos como as mans brancas, as pombas ou os lazos de tela para indicar que somos persoas que concordan coas bases pacifistas e da non agresión entre pobos. Pero en ocasións quedamos nese frío símbolo sen ir máis aló, sen acompañalo de accións concretas que conleven desenvolver o pensamento crítico. 

Parafraseando ao propio Gandhi hai que sinalar que non hai un sendeiro para a paz, que a propia paz é o camiño. Isto quere dicir que debemos construír desde as bases para entender mellor ao outro/a. De maneira mais concreta, quere dicir que debemos aprender a convivir coas persoas que temos mais achegadas para así conseguir obxectivos máis amplos. 

Se a pedagoxía permanecese allea a este proceso sería unha neglixencia profesional. Os/as técnicos da educación temos o deber de intervir para mellorar as situacións persoais e colectivas. Por iso, temos recursos, técnicas e metodoloxías asentadas que poden contribuír a acadar actitudes tolerantes, respectuosas, negociadoras, empáticas, e mesmo interculturais.  

Citamente, a aprendizaxe cooperativa ou a aprendizaxe-servizo, xunto con outras dinámicas, son ferramentas que temos ao noso dispor para ensinar (e aprender) a establecer relacións socialmente estables e afectivamente sanas con terceiras persoas. 

Debemos entender os procesos educativos na súa dimensión mais holística, esto é superar a concepción de que tan só o obxectivo é chegar ao final do camiño, esquecendo que a propia singradura é tamén educadora. 

Por iso, e xa para rematar esta reflexión, a educación para a paz conquírese no día a día, na casa e na escola, no traballo e na rúa, na universidade e no piso compartido… a chave desta porta chámase EMPATÍA. Ese é o desafío.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar