Imprimir

O conxunto de Armea ten nova sinalización

La Región | 24 de enero de 2020

Sinalización do conxunto arqueolóxico de Armea.
Sinalización do conxunto arqueolóxico de Armea.
O xacemento arqueolóxico alaricano mellora así a súa promoción

O Concello de Allariz e o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT) presentaron xa a nova sinalización e accesibilidade ó conxunto arqueolóxico de Armea co obxectivo de potenciar este conxunto. Segundo informou onte a Universidade, a iniciativa recibiu unha axuda da Axencia de Turismo de Galicia e busca "pór en valor este conxunto de vital importancia para o desenvolvemento turístico da zona".


A presentación foi realizada por Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; María López, concelleira de Turismo, e Adolfo Fernández, investigador do GEAAT e director do proxecto arqueolóxico de Armea. Durante a visita Cristina Cid salientou "o esforzo que dende hai nove anos vén levando a cabo o Concello de Allariz xunto coa Universidade de Vigo para escavar todos os veráns no xacemento sen axudas doutras administracións e que constitúe un importante recurso turístico para Allariz". 


Neste contexto, María López indicou como as accións presentadas este xoves pretenden contribuír a "crear unha oferta turística na contorna do xacemento da cibdá de Armea, que sexa complementaria ao destino turístico de Santa Mariña de Augas Santas".


Segundo explicou Adolfo Fernández, a actuación de sinalización do xacemento e contorna de Armea consistiu na delimitación dun percorrido de visita e na colocación de paneis explicativos deste ben, abranguendo desde a cibdá ata a vía romana. A mellora da accesibilidade, indicou o profesor da Facultade de Historia de  Ourense, fíxose mediante a colocación de "pasarelas e ramplas de madeira, chanzos para facilitar o paso a algunha estrutura e socalcos para adecuar o paso a todas as zonas do xacemento". Ademais, engadiu, estableceuse unha serie de miradoiros, con paneis informativos e bancos, dende os quese contemplan amplas panorámicas relacionadas coa 'cibdá' de Armea, un na atalaia sobre o val de Rabeda e outro nas Cubelas, no Monte de Armariz". 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/articulo/allariz/conxunto-armea-ten-nova-sinalizacion/20200123215605920548.html


© 2020 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons