festa do boi

A Festa do Boi ten 25 “homes do sedeño” para guiar ó animal

Os "homes do sedeño" son os encargados de guiar ó boi polas rúas da vila durante as carreiras (MIGUEL ÁNGEL).
photo_camera Os "homes do sedeño" son os encargados de guiar ó boi polas rúas da vila durante as carreiras (MIGUEL ÁNGEL).

Para entrar no colectivo, a asociación Xan de Arzúa encárgase de valorar a forma física dos candidatos

Son moitos os ingredientes necesarios para facer da Festa do Boi o espectáculo que é hoxe en día, pero hai, sen dúbida, dous sen os cales non existiría. O primeiro é, por suposto, o boi. O segundo son eles, os "homes do sedeño". "Dedicámonos ó coidado e manexo do boi durante as carreiras, ademais de coidalo na corte durante esta semana". Dito por Miguel Rodríguez soa sinxelo, pero son eles os que maior risco corren durante as carreiras porque van en primeira liña e son os que máis preto andan dos ollos do boi que, cando fixa un obxectivo, non distingue. Michel, como todos o coñecen en Allariz, sábeo ben. "A min colleume o boi hai nove anos, ese ano non puiden correr, pero ó ano seguinte xa volvín". Porque a función destes homes é perigosa, pero "se che gusta, hai que correr ese risco". 

Ser "home do sedeño" non require maior ritual que atoparse en boa forma física -por iso de aguantar as carreiras- e poñerse en contacto coa asociación Xan de Arzúa. "Se vemos que é válido, pode unirse a nós", explica Miguel Rodríguez. Tampouco require dun adestramento especial, senón que a práctica "vaise collendo cos anos". O que si é imprescindible é ter cumprida a maioría de idade. "Este ano temos catro ‘homes do sedeño’ novos e un ten 18 anos recén cumpridos". Nesta primeira experiencia como tal, participan nas carreiras ó lado dos veteranos para ir collendo as formas propias que lles permitan ser quen de guiar ó animal. Dende esa idade, "ata que o corpo aguante".

Son 25 os "homes do sedeño" que actualmente constitúen este colectivo alaricano, pero non todos participan en cada carreira. "Imos dous na corda, outros dous coas aguilladas e cinco ou seis van detrás" para que, no caso de producirse unha situación de perigo, sexan quen de "apartar á xente para nós poder controlar ó boi", un animal que pode chegar a rondar os 1.000 kilos. A eses requisitos de boa forma física e ser maior de idade hai que engadirlle un terceiro: "Antes que ‘homes do sedeño’, somos amigos". Porque a boa compenetración é imprescindible para que cada carreira sexa un éxito, como habitualmente acontece.

Te puede interesar