RABO DE NUBE

Flores de Praga

20180905202649836_result

O autor de “las flores y los tanques”, Luis Zaragoza, retrata os momentos da primavera de Praga cando o Pacto de Varsovia invadiron territorio checoslovaco co pretexto dun convite que nunca se producira

A primavera de Praga, seguimos en 1968 que tanto xogo deu e seguirá a dar porque poucos anos tan míticos, callou no verán -en agosto- cando os tanques do Pacto de Varsovia, rusos, sobre todos, mais tamén húngaros, búlgaros, poloneses e xermamos (da RDA, lástima fora) invadiron o territorio checo so prexto dun convite que nunca se producira (ao menos por quen tiña poder para facelo).

Detrás os aires perigosos, en materias de abertura, propiciados polo sucesor de Novotný, Alexander Dubcek. Tratábase de propiciar un socialismo con rostro humano, “¿e logo, o noso non o ten?”, retrousara Brézhnev, o Zar da URSS nesa altura. E conductor dunhas conversas, con Svodoba, presidente de Checoslovaquia e o propio Dubcek. No interín, o tan deostado despois, deica a súa morte violenta, Ceausescu, presidente de Rumanía (entre 1967 e 1989) foi quen de se manter á marxe dunha invasión, condenada por China, Albania e, en termos menos virulentos, polo Mariscal Tito. Aquel suxeito bragado que mantivera no seu sitio o mecano da entón Iugoslavia, antes de que (coa súa morte) viñera abaixo como se sabe. Complexa situación a de aquela Checoslovaquia (hoxe, dous países, nunha Historia que segue tan aberta como a laranza do poeta Esenin), nun contexto mundial ben complexo. No que había, desde a banda occidental, quen non auspiciaba os novos enfoques checos por medo a que estes  fixeran un comunismo  máis chamativo que o proposto pola URSS e satélites.

O PCE, Carrillo e Pasionaria, procurou desmarcarse da invasión, en puridade un arrebato imperialista, claro que sen poñer en dúbida a fraternidade dos seus patróns. En conclusión; un niño de vespas moi boureeiras e alporizadas, ben contado por Luis Zaragoza nun libro que ilustra e entretén, de puro ben contado. E que nos explica como a cousa, lóxicamente, non acabou con aqueles tanques (e aquelas flores: a resposta checa fora, en xeral, pacífica). Senon que seguiu adiante, de momento, en xaneiro, coa inmolación “ao bonzo” do estudante Jan Palach. Símbolo dunha resposta impotente, mais que tería de acabar callando, contra da maquinaría pesada soviética. Dubcek presidiría a Asemblea Federal, caído xa o comunismo. E morreu en accidente de automóbil.

Te puede interesar