Opinión

Deica logo, Alfredo

Comezo a escribir estas liñas co corazón encollido polo inevitable. Sentado nunha incómoda cadeira desas que gardan as camas do edificio que todos coñecemos como “a residencia”, por moito que certas cabezas matinadoras se obstinen en renomealo con siglas que parecen un espirro. 

Estou a carón dun home que está a piques de iniciar unha viaxe que todos teremos que acometer máis cedo ou máis tarde. Logo vai emprender a marcha o avó Alfredo. Son intres nos que se fai inevitable traer á memoria tantas historias vividas con el. Lémbroo de sempre coma un home decidido e valente, dun forte carácter. Sen embargo, fica agora desorientado e asustado.

O incerto do destino e a confusión pola súa enfermidade, lévano a, despois de anos, chamar por súa nai. Quen mellor ca ela para protexelo e guíalo neste momento? Alfredo Nogueira foi un home sabio ao xeito en que se era sabio nas aldeas. Veterinario oficioso da contorna, foi un experto en todo o que tivera que ver co campo. Tanto así que incluso foi un dos promotores dunha das primeiras cooperativas agrarias creadas nesta provincia, na parroquia da Piteira. Sempre gustou de axudar aos demais e fixo gala dunha visión moi aberta da vida para o seu tempo.  

Durante gran parte da súa vida, traballou na finca de Couso en Paciños, a onde, por mor das infraestruturas, percorría 7 quilómetros para chegar pola estrada na moto, cando a distancia real pasa pouco dos dous. 

Lembro con que ansia agardaba de neno a súa chegada polo medio da tarde para que me levara a dar unha volta arredor de Zafra na súa motocicleta. Para min, non tiña nada que envexarlle á de aquel Ángel Nieto que saía pola televisión.

O avó sempre foi un home de carácter. Bueno, con xenio. Era moito máis doado arrebatarlle a un ministro a carteira que a el a razón se estaba convencido de que a tiña. E sempre pensaba que a tiña.

Desfrutaba enormemente do debate e da controversia. Sempre era capaz de achar algunha cuestión sobre a que trabar discusión. Penso que basta este exemplo para que se entenda. Nunca lle interesou demasiado o fútbol, pero a mediados dos 80, cando nos viñemos a vivir a Galicia, fíxose seguidor do Athletic de Bilbao só para poder levar a contraria aos seus netos cataláns e culés.

Era dono dunha prodixiosa memoria, pouco común nestes tempos, nos que dura o que tarda en eliminarse un grupo de whatsapp. 

Agora que a súa luz está a esvaecerse aquí á miña beira, as lembranzas que me deixa amontóanse querendo saír. Horas e horas de apaixonantes historias coma a do seu avó Emilio, concelleiro republicano represaliado na guerra. As andanzas donxoanescas da xuventude do seu único fillo Dolfino ou o seu breve periplo arxentino do que chegou namorado do mate e cun lixeiro acento pampeiro. 

Ao final non fun avogado como el desexaba pois dicía que a miña obstinación e incapacidade para calar habían de serme moi prácticos nesta profesión. De quen herdaría eu estas cousas, eh Alfredo? 

Non me chamou o destino por ese camiño pero si me deu para poder escribir estas catro letras a modo de homenaxe, cheas de admiración, cariño e borranchos debidos a algunha bágoa. O ciclo da vida continúa e leva a Alfredo de viaxe. Seguro que alá a onde vaia terá a razón. Deica logo, avó. Boa viaxe. Sempre levarei un anaco de ti comigo. 

Te puede interesar