Opinión

A Festa do Pulpo do Carballiño

A ver. Non ten absolutamente nada que ver que eu sexa de aquí. Pero pódese ser máis espelido do que somos no Carballiño? É innegable que somos ben botados para adiante e a atrevidos hai pouco quen nos gañe. Por que? Pois a ver. Xa hai que ser un pobo especial para basear a túa maior festa e grande parte da túa economía e tradición nun produto do mar. Ben, iso non ten especial mérito en Cambados, Arcade ou no Grove pero nós temos a particularidade de que estamos a 80 quilómetros da pinga máis próxima de auga salgada. Aí queda iso.

Así foi. Collemos algo que nos era totalmente alleo e unha parroquia dedicouse a isto case na súa totalidade. Aderezaron a súa tarefa con talento, cariño nas materias primas e esforzo, sobre todo, moito esforzo. Aínda é frecuente escoitar por Arcos as historias de cando para ir ás feiras e festas había que carrexar caldeiras, e demais bártulos ao lombo dun burro e percorrer grandes distancias por camiños e montañas.

Desa forma e sen que ninguén lles regalara nada, unha pequena aldea dunhas poucas casas, converteuse co tempo na capital mundial do cefalópodo. 

Esta historia comezou moito antes de que o bicho paseara polo xardín dos Beatles. Son moitos os séculos desde que o pulpo comezou a chegar polos camiños que viñan de Marín. Con el pagaban os labregos os dereitos dos foros que traballaban e que eran propiedade do Mosteiro de Oseira.

Por aquel tempo, apenas se lle outorgaba valor, gastronomicamente falando. Só se servía nas mesas das clases máis baixas. Hoxe, sen embargo, xa se rumorea que nun futuro non moi afastado vendérase nas xoierías e será gardado en caixas de seguridade. O empuxe do mercado asiático está a botarlle un pulso á nosa tradición.

E chegamos aos anos 60. Anos de cambio e grandes acontecementos en todo o mundo. Aquí non íamos ser menos. Un grupo de amigos, precursores de case todo no Carballiño, decidiron que xuntarse arredor dunha caldeira de pulpo na inigualable paraxe do Parque Municipal era unha boa fórmula para facer peña e facer pobo. Era a lendaria Peña Nove. A dos Fontaíñas, Milucho, Ledo, Pachó, Gonzalo, Juan Víctor, Benigno, e os irmáns Terceiro. Destes últimos, Pepe foi durante anos o verdadeiro temoneiro e mantedor da festa, cando apenas se axexaba o evento masivo no que se ía converter. 

Unha celebración, esta, do segundo domingo de agosto, marcada en vermello nos almanaques de moita xente por todo o mundo. Non, non esaxero. Son datas nas que estas terras viven máis reencontros que no Nadal. E coma os anuncios do Almendro pero con pratos de madeira. Todos os que están fóra, aproveitan para retornar. E os que viñeron unha vez, rematan por volver si ou si. A Festa do Pulpo é aditiva.

E nesas andamos. A voltas coa nosa particular Semana Grande. Son días de concertos, de risas, de moita algarabía nun pobo que triplica a súa poboación.

Por certo, que ninguén perda de ver o marabilloso cartel deseñado para esta edición pola artista local Ari Quintas quen, con talento a moreas, da continuidade ao traballo de Suso Carballido ou Felipe Senén.

O domingo agardámoste por aquí. Da igual que haxa 30.000 ou 100.000. No noso parque sempre haberá un oco para ti. Un pano de cor agardándote.  E, por suposto, un anaco de pan de Cea, unha cunca de viño do Ribeiro e todo o pulpo que poidas comer. 

Te puede interesar