Opinión

Dirixentes escorregantes

A palabra dirixente fórmase sobre o verbo dirixir, de cuxo étimo, por vía de participio irregular, nace o vocábulo directo, e del, director. O étimo, a orixe do verbo dirixir, é o latín dirigere (endereitar nunha dirección, dispor, ordenar) formado á súa vez polo prefixo di- (diverxencia múltiple, como en diverso, etc.) e do verbo regere o mesmo que nos deu “rexer” e cuxo étimo, vía participio, deu “recto”. Así, deducimos que etimoloxicamente, en canto á orixe, o dirixente é o que rexe ou dispón cada cousa na súa recta dirección.

Aínda que se fixeramos un exercicio diso que se chama “etimoloxía popular” é que é a explicación non científica senón aproximativa e vulgar da orixe dunha palabra, poderíamos dicir que “dirixente” é o que dirixe á xente dun sitio a outro. E como na maioría das etimoloxías, hai un eco de razón. 

E si. Os dirixentes son moi importantes porque dirixen xente, ou sexa son “directores” impulsores de ideas e de xente. E máis alá da esencia democrática das sociedades actuais que nos permite, e nos responsabiliza, do relevo dos dirixentes en cada momento, os que dirixen as sociedades marcan unha liñas sensitivas colectivas e contribúen a crear uns estados de ánimo que poden facer que un conxunto humano estea máis ou menos acougado, orgulloso e satisfeito de si mesmo, ou encolerizado e que incluso escorregue de odio. Un dos dirixentes máis apaixonadamente queridos polo seu pobo no século XX en Europa, durante unha década, foi Adolf Hitler. Pero ese amor estaba cimentado, como sabemos, no odio que promovía. E así o dirixente encirrou o pobo ata a guerra e o desastre. 

Os nosos dirixentes na transición dirixiron as sensibilidades ao consensos e acordos, hoxe non suficientemente valorados. Daquela, agás os irredutibles como Blas Piñar e os Guerrilleiros de Cristo Rey por un lado e a extrema esquerda de Grapo e FRAP por outro, todos buscaron os puntos de encontro, e así a sociedade avanzou durante unhas décadas marabillosas aínda cos golpes inmisericordes do terrorismo. Esta boa dirixencia horizontal das forzas fundamentais non foi única. Tamén existiu no Chile de despois de Pinochet ou no Túnez de despois da primavera árabe, como agora recoñecen do Premio Nobel. Pero unha boa dirixencia pode perder influencia ante os discursos simplistas, de vendedores de espellos e colares na reserva, que por básicos, son máis atractivos para os, perdón, menos formados. Pensemos, por exemplo, no auxe do islamismo radical nas masas musulmás de medio mundo. Pero tamén poderiamos ir máis preto e observar a desaparición do mapa parlamentario de Durán i Lleida. Parece unha obviedade, pero igual que os dirixentes políticos poden contribuír a solucionar moitos problemas -a nunca abondo loada transición está aí- tamén poden crealos, sen máis. 

Se cadra por iso, cómpre que os dirixentes actuais teñan en conta que a orixe da palabra “política” está nunha forma grega que significa a arte de vivir en sociedade e de arranxar as cousas de todos. Non de crear desacougos.

Te puede interesar