Opinión

Dous ou tres carriles?

Ao final o vestido aquel vestido de listas era azul e negro ou branco e dourado? A realidade, en realidade, sempre depende. A teoría da relatividade, inventar inventaría Einstein, e podemos entendela ou non. Eu non. Pero en Galicia temos outra versión da teoría da relatividade máis simple que di que todo é asegún. Máis ou menos. Relacionada está tamén a grande frase esa de que: “Todas as xeneralizacións son malas, incluída esta”, que se vostedes miran ben, aparece atribuída a media ducia de persoas, desde Mark Twain, a Alexandre Dumas, Bernard Shaw ou Albert Einstein, e que en realidade podería ser de calquera persoa cun pouco de sentido común. Todos os refuxiados son terroristas é tan falso como ningún refuxiado é terrorista. Todas as xeneralizacións, etc.

En fin, que vendo o asunto de se hai un ou dous carrís sobre a Ponte Nova no sentido de entrarmos no distrito –barrio paréceme pouca cousa- da Ponte, lembreime dunha historia que desacougaba ao meu amigo e sabio máximo nas cuestións de toponimia de Galicia, Gonzalo Navaza. Resulta que hai moitos anos, se cadra máis de trinta, non tiña claro se un topónimo levaba artigo ou non. Ou sexa se era Barxa ou A Barxa. E foi ata o sitio e preguntoulle a un veciño. A pregunta era simple: “Mire, como lle chaman aquí ao lugar, Barxa ou A Barxa?” A resposta do home, tampouco era complicada: “Si, si, como di usté. Barxa, A Barxa”. E o Gonzalo insistía: “Pero como di, con A ou sen A?” A resposta seguía sendo clara: “Si, así, como dí usté, con A, sen A, Barxa, A Barxa”. E instistía: “Pero como din: 'Veño de Barxa ou veño da Barxa?”. E claro, a resposta era: “Si, si. Veño de Barxa, veño da Barxa. Así, así”. O legalismo dos tres metros por carril para anular a existencia real dos dous carrís lémbrame un aforismo latino que dícia o outro día o meu irmán Mecho, avogado, claro: “Summum ius summa iniuria”, ou sexa, dito libremente: o cumprimento extremo da lei -summum ius- devén en suma inxustiza –summa iniuria-.

Ou sexa, cantos carrís hai? Pois, si, efectivamente, como di usté: un, dous. Ou sexa, nunca tivera problema para o señor da Barxa –ou de Barxa- en saber onde vivía e non quería que lle fosen meter na cabeza unha cuestión imaxinaria. Un carril ou dous? Nunca houbo problema e todos sabemos que hai, como di vostede, un, dous. E non é preciso normativizalo, facer un informe, chamar a un consultor externo, editar unha normativa específica, lembrar o cumprimento dunha lei, multar por unha contravención. Todos sabemos que hai un ou dous carrís. Depende. A saber. Se leva diante un autobús, un. Se leva diante un novato que vai polo centro, un. Se chove moito e para non mollar aos peóns que van a pé, un. No resto dos casos, en circunstancias normais, dous. Ten que traducirse isto en regras escritas, codificadas? Deus me libre. Os ingleses non teñen constitución escrita e ben lles vai.

Esta polémica, como algún a tome en serio –que sempre hai algún revirado- pode dar en empeorar a convivencia. Xa verán como algún lle vai dar por ir polo centro do ancho semi-bi-carril de saída, en circunstancias normais, co que a cola do semáforo se multiplica por dous ata chegar á fonte dos triángulos. Cando lles pase, que pensarán: “Vaia carallo, aí vai un bo cidadán que cumpre as leis, ou aí vai un repunante? Pois iso, mellor deixalo estar.

Te puede interesar