Opinión

Escotet e os apelidos

Un día tomando café cun senegalés díxome que os que viñan de alá eran os máis inquedos e emprendedores. Que sempre fóra a cousa así en todos os lados. Que os que se conformaban co que lles cadrara na vida non se movían e vivían como os avós. Pero algúns querían algo máis e, se cumpría, agarrábase á corda frouxa do horizonte. Algo de razón tiña. Estamos máis ou menos globalizados desde hai cincocentos anos polos que se moven. Imaxina alguén a nosa sociedade rural tradicional sen patacas? Pois estabamos fartos de castañas ata que alguén marchou a América e trouxo millo e patacas.

E como Galicia está nun recuncho final do mapa, aquí veu moito emprendedor que non tivo máis terra que andar e axiña se integrou. Porque todos fomos xente con fame e en seguida nos convertimos á terra que nos dá de comer. Pensemos nalgúns apelidos de Ourense: Martínez-Risco, Agüero, Cuevillas, Cuevas, Rumbao, Llamas, Monjardín, Canitrot, Jones, Hentchel, Schreck, Pacheco, Montero, Tabarés, Bonet, Gippini, De Toro... Uns viñeron dun sitio e outros doutro. A maioría no XIX, pero tamén antes e despois. Os Pacheco de Portugual, os Riscos e Cuevillas da meseta norte, os Rumbao de Cataluña, os Canitrot de Francia, os Hentchel e Scherck de Alemaña, os Tabarés, Cuevas, etc. da maragatería astorgana, os Montero de Sanabria... e así ata o australopitecus, que seica veu de África. Todos viñemos de fóra e todos somos hoxe de aquí.

E pensaba nestas cousas vendo o primeiro apelido do comprador da Caixa, Escotet -o segundo é Rodríguez-, nado en Madrid, no 1959, fillo de familia de León e Asturias e ao que, creo, vimos en Galicia, como emigrante que invistía no país de orixe cando o de adopción de tan maduro, xa cheiraba.

E como o apelido era raro, invoquei a San Google. E vin que en Asturias hai uns cen “Escotets”, desde Avilés á Nava, pasando por Oviedo. Pero... asturiano rematado en –t? E seguín mirando. E como outros en -t de Ourense -Canitrot ou Ranquetat- viña, remotamente, de Francia. Deberon saír os seus dun recunchiño moi metido no Atlántico ao sur do cabo Finisterre, na Bretaña francesa. Alí viven a inmensísima maioría dos “Scotet” franceses; uns catro mil. E que viñesen a Asturias, rebotando costa abaixo, como fixeron os dos outros apelidos que citamos, e que lle puxesen un E diante, non é nada complicado. E que saltasen á outra parte do Atlántico, tampouco. Penso nos meus Monjardin de Arxentina e nos meus Fernández de Venezuela. E uns veñen menos, outros máis, e outros nada. Varios teñen propiedades aquí e alí. Outros, nin aquí nin alí. Ningún ten bancos, pero tampouco hai queixa.

En fin, un entende que no xogo previo á venda do banco os cataláns –sen eco ningún aquí, por certo- quixesen asustar co medo a esta opción alcumándoa de estranxeira. Superado o primeiro asalto –o da compra- e metidos na fariña da xestión, creo a opinión galaica saiu reforzada: os fillos dos emigrantes son uns máis; netos da necesidade, fillos do esforzo e, con sorte, pais do éxito. E onde nacesen, tanto ten. Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación, por exemplo, viu a luz en Nüremberg e entre as moitas cousas que lle levan dito, nunca ninguén lle chamou “alemán”. Creo.

Te puede interesar