Opinión

A farta do cefalópodo

As intervencións sobre cuestións tan delicadas como a lingua –fácil é mordela ou queimala sen querer- deben ser feitas con moito coidado e tendendo a buscar máis a empatía coa poboación que a usa, que a afearlle condutas. Especialmente porque na boca de cada un non entran máis que as linguas amadas. A prédica, pois, creo, debe ser, fundamentalmente, para facerlles recuperar aos falantes o orgullo do seu, da súa lingua real, e non para distanciarse e dicirlles como Moisés desde o alto: “Deixádeo e seguídeme”. Moisés, seino de boa tinta, morreu hai tempo, e a xente, en fin, se venta problemas, foxe en dirección contraria. Se non se confía nos vellos deuses, dubido de se faga cos académicos.

Eu, aínda que acato o que me manden as autoridades lingüísticas, non teño dúbida de que falan un galego de mellor calidade os que din pulpo que os recén chegados ao vello fogar lingüístico e que pensan que “polbo” e os seus derivados “polbeira” e “polbaría” son mellores. Porque o que falou sempre galego colocará ben os pronomes, usará formas de solidariedade e interese (tanto che me ten que sexa da ría como que non; este ano vouvos ir á Festa do Cefalópodo), o infinitivo conxugado (de chegares antes ca min vai pedindo para os dous) e outros recursos enxebres que son a verdadeira alma da lingua. Porque as cuestións de vocabulario, eixo de disputas, son menos importantes do que parece, xa que este é unha categoría elástica ata o infinito que nos permite integrar gazpacho, spaghetti, tortilla, guasap e canta palabra nova se poña ao xeito. Ou usar, de nos petar, incluso sinónimos que veñan do mesmo étimo; uns máis vellos e outros máis novos, como alumear e iluminar; un de cen exemplos posibles. En fin, que unha persoa diga “polbo”, “a respeito de”, “Galiza”, “cartaz”, “amábeis”, “consellaría”, “é dicer”, “icona”, non é garantía de nada. Ou si. De esforzo, de vontade, de artificiosidade, de militar en favor da lingua. Pero con esa asimilación de lingua a toda clase de problemas, a cousa non foi ben. Os falantes non aman aos que aman o galego. Algo fariamos.

Dixen que a aposta de Arximiro era arriscada. Porque tivese ou non razón –creo que a tiña- neste noso pequeno pais as cousas sempre tenden a sair do rego. E case sempre acaban enzoufadas na política, pois a falta de fondura e seriedade, esta esténdese pegañenta. Convirán en que resulta raro vermos os partidos baduaren sobre as decisións da Academia. Primeiro ao BNG que de turrar pola lingua con tanta forza como pouco xeito, case fai que lle doa á xente na boca; e despois a un inocente PSOE que gobernou anos na Festa do Bicho co seu proscrito nome, sen pexa ningunha. A verdade é que a RAG, metida nesta muiñada, tiña que acabar amolando a alguén. Neste caso, a escolla era políticos e intelectuais revirados para un lado ou falantes naturais. Eu sempre crin nunha solución de consenso, e abofé que non parecía complicada de seguiren o exemplo de moitas voces con sinónimos: arrancar/arrincar, bicho/becho, alumear/iluminar. Ou mesmo poñela nun estado de subordinación, como, por exemplo, en “xove” do que se di “forma menos recomendable que mozo ou novo”. Pero esa raia que segue a tachar radicalmente “pulpo” moitos séntena como un coitelo sobre a súa lingua. E iso dá grima.

Te puede interesar