Opinión

O imposto sobre o valor sustraído

O tema do leite e da carne claman ao ceo. Que os gandeiros galegos deban vender por debaixo do prezo de custo para arrapañar uns cartiños cos que perder menos que se non venden, é unha das inxustizas máis escandalosas que se producen no noso país. E por iso están fartos e se organizan de seu, á marxe de sindicatos ou vellas organizacións. Cando foi o do “Prestige”, a brucelose estragou o gando do interior da montaña de Ourense e á penas houbo conciencia do problema máis alá dos prexudicados, porque non era tema mediático. Unha vaca enferma e un paisano vello “locen” menos ca unha praia con chapapote e unhas mozas de fóra en traxes espaciais brancos. Pero enfermo parece o país. Que se teña que ciscar o leite nos campos para chamar a atención significa que pasa algo malo, moi malo. Cando Manuel Rivas escribiu “Un millón de vacas”, en 1990, si, en Galicia había aproximadamente esa cantidade. Parece que foi onte, pero pasou un cuarto de século e as cousas cambiaron de todo. Chegaron os móbiles e os ordenadores, desaparecen as vacas e a calma. A finais de outubro de 2014 -iso si é onte- había 347.727. Hoxe, seguramente hai uns milleiros menos, segundo a curva evolutiva dos últimos anos. É fácil botar a conta. O difícil é ver unha bosta nun camiño. Todo cambiou.

E claro, creo que para axudar algo a solucionar os problemas había que crear un imposto novo, e podíamoslle chamar Imposto sobre o Valor Subtraído (IVS), o contrario ao “Engadido”. O concepto de valor substraído léoo no libro “Arsenal de la Quimera” –que lles recomendo-. E si. Ás veces hai transaccións nas que se produce un incremento de valor e por el se paga o IVA. Pero que pasa se se perde? Algo hai. Nas declaracións da renda, as “minusvalías” son o deducible polo evolución negativa do valor das accións, por exemplo. Algo parecido había que facer co tema agro-gandeiro. Pero aquí non é que valla menos, é que llelo subtraen aos seus investimentos, aos seus esforzos. Así, as grandes compañías, superficies e cadeas de alimentación debían pagar ese “imposto sobre o valor substraído” co que compensar os produtores polo abuso de poder con que os tratan.

Si. Xa lles oín falar das leis de mercado. Pero paréceme inmoral que custen seis litros de leite menos que un paquete de tabaco. Paréceme inxusto que unha leituga custe menos dun euro. Si. En serio, moito do producido polo sector primario paréceme demasiado barato. E claro, eu non sei o arranxo que terá porque as cousas son moi complicadas e o mundo moderno é moi raro, e ademais, por sorte, parece que xa teñen principios de acordo. Ogallá. Pero a min, que saia máis barato traer patacas de Polonia ou de Exipto ou leite de Francia que traelo do rural ourensán por exemplo, paréceme que ten que ver coa cara escura dunha globalización á que debemos poñer algunhas regras para que non nos desarregre a casa.

Te puede interesar