Opinión

Lumes e bebida

Os borrachos, ás veces, prenden lume no monte. Ou na casa. Sabémolo todos. Porque hai xente que se bebe de máis, dálle por chorar; a outros, por berrar na rúa e abanear sinais de tráfico; a outros, por espetarse co coche contra os muros e, a uns pouquiños, de estaren no rural e teren chisqueiro a man, por prender lume nas cunetas. Obviamente, nin é a primeira causa nin é fácil de atallar, pois a lei seca dos anos vinte nos Estados Unidos, tampouco solucionou nada.

Pero non quero ir por aí, polas causas dos lumes, pois ao seren tantas e tan diversas, exceden o espazo de que dispoño, e, sobre todo, os meus coñecementos e capacidade de análise duns datos que tampouco teño. Para iso están os técnicos -non os ecoloxistas, benintencionados ou politicamente tanguidos- senón os técnicos na xestión dos lumes. Que os hai. Eu quero ir polas medidas da bebida e do lume. Simplemente.

Porque se dicimos que un tipo bebe moito, a pregunta primeira é que bebe o home? Porque non lles é o mesmo beber un litro de auga que un litro de viño. E non é o mesmo un litro de viño “da casa” -onte tomei no Amador das Barxas un par de vasos dun tinto da Peroxa, fresqueiro e agradable, e que non debía ter máis de sete ou oito graos- que un litro dun Gran Reserva de Carrovejas, por dicir algo. E xa nin falemos de que ese litro fose de güísqui ou de ron ou de xenebra ou de aguardente branca ou de herbas ou de licor café. En fin, convirán comigo en que nunha churrascada de verán, baixar medio litro dese tinto da casa da Peroxa de que lles falaba, non é exceso ningún; e menos se o comparamos con beber durante ou despois do churrasco, medio litro de augardente branca; ou, como lle chaman na costa en lembranza dos anos da emigración a Cuba, caña.

Postos así, o elemento definitorio non é a unidade de medida senón a importancia do medible. Litro fonte a alcohol. O mesmo acontecía noutrora coas moedas. Non era o mesmo ter un millón de libras, de francos, de marcos, ca de pesetas ou de liras. Agora mantense para fóra da zona euro. É distinto ser millonario en Euros ca e rialis iranís, pois por un euro danche, seica, 43.078 rialis, así que alí ter un millón non é tanta cousa, abondaría con 23 euros e uns céntimos. E si. O elemento definitorio, unha vez máis, non é a unidade de cómputo, (sistema métrico decimal) senón o medible, o valor de cambio da moeda.

E voume achegar ao lume. As cifras de hectáreas ardidas, non me asustan, senón van acompañadas de “apelido”. Efectivamente, á parte da unidade de superficie, da hectárea, hai que falar, sobre todo, do obxecto medible, do que ardeu. Porque igual que non é beber un litro de auga que de augardente, non é o mesmo, fóra o lume e o fume, que ardan 100 ha. de uces, toxos e xestas -especies pirófilas, que aínda lles gusta- ca 100 ha. de carballeira ou de souto de castaños. E isto segundo, si, é unha boa desgracia.

A verdade, cando vexo algunha das fotos do queimado, paisaxes suaves e lisas en branco e negro, penso na boa herba que brotará en canto chova mainiño uns días. O lume é espectacular, asusta e é perigoso. Ás veces, desgraciadamente, mortal. Pero, concordarán en que non é o mesmo un quilo de palla que un de ouro, aínda que a media, quilo, sexa a mesma.

Ou sexa, calma. A ira non é boa conselleira.

Te puede interesar