Opinión

Normolatría e centros sociais

Regálolles dous neoloxismos. Un inventado por min neste momento e outro, o segundo, usado xa por un amigo arqueólogo desde hai uns anos. Normolatría: 1) Práctica xurídico-político-administrativa que trata de categorizar, protocolizar e regulamentar con normas e normativas calquera actividade humana por común ou nimia que sexa. 2) Observancia filorrelixiosa das normas e normativas que se converten de seu, no eixo central da actividade social. Normopatía: Patoloxía conductual do individuo que tende á admiración acrítica e ao cumprimento obsesivo das normas sen importarlle que as súas consecuencias sexan perniciosas. 

Ben. Centrémonos e empecemos cun conto certo. Hai uns anos cadroume ir a un velorio dunha persoa que morrera nunha aldea. Era no local social –creo que fora escola unitaria no seu tempo- pois o de termos aos defuntos na casa cada vez se leva menos. De conversa cuns veciños contáronme que era un local “multiusos”, palabra moderna que soa a navalla Victorinox. E igual servía o lugar para organizar o magosto veciñal, como un baile dos mozos, para preparar as primeiras comuñóns colectivas ou, como era o caso, velar os corpos dos veciños que ían marchando. E preguntei que pasaba se coincidían actividades, poñamos velorio e baile. Dixéronme que todo se ía arranxando de acordo co sentido común. Quedei admirado. (Sentido común, canto tempo sen oír de ti!) Incluso houbera casos en que, como o baile era á noite e a familia do defunto non puña reparos, cunha cortiniña no fondo deixaban ao veciño ou veciña, acochadiño na súa caixa e compartindo a música e a festa desde o máis alá, que xa tería ben de tempo de aburrirse e de silencio. A verdade é que me pareceu lóxico e normal. A pena era, coñecendo a natureza festeira da defunta á que ía honrar eu, que naquel caso concreto non houbese coincidencia. 

E si. As preguntas son obvias. Se sempre se velaron os cadáveres nas casas, por que non se poden velar neses locais comúns no medio das aldeas? E non me falen de leis de sanidade. Fálenme dos intereses, lexítimos supoño, dos negociantes do último trance. O certo é que levamos miles de anos morrendo e enterrando xente, e nunca quedou ninguén ao serao. Logo a cousa pódese facer ben sen tanta regulación nin tanta norma que en vez de axudar ao funcionamento social engárrao con papeis e impedimentos. 

E as regulacións de comidas. Lémbranse cando se compraban os ovos rotos da Uteco en General Aranda? Meu Deus! Hoxe virían os comisarios europeos a por nós...

O dito, en vez de sentido común e sentido da xustiza, a relixión nova é a Normolatría e os seus máis radicais seguidores, os normópatas. Normas para todos os instantes da vida.

Van acabar queréndolles impor pratos de plástico de usar e tirar ás pulpeiras, porque os de madeira non cumprirían nonsiqué norma europea. Ese día, si, comeza a revolución nacional e popular contra a Norma. Mentres, imos indo.

Te puede interesar