Opinión

O atraco da Derrasa

Leo, sen sorpresa, que o membro de Podemos que foi elixido novo voceiro da formación en Madrid é de Vigo. O tal, José Luís Nieto Pereira, fora condenado a cinco anos de prisión porque o día 1 de setembro de 1980 atracara un banco na Derrasa, dentro dunha estrambótica organización chamada Loita Armada Revolucionaria (LAR), que actuou, o que está moi ben, pouco e mal. Aqueles eran tempos avoltos. Intentaran secuestrar a Franqueira o 9 de xuño de 1980 tres atracadores, dous homes e unha moza. Seica falaban con acentos galego e vasco. A cousa, acabou mal para os secuestradores; un deles, o vasco Zapatones, recibiu un tiro, e os outros fuxiron. Otegi, que disque agardaba en Valladolid, nun piso franco, non tivo posibilidades de coñecer máis polo miúdo a don Eulogio. E a finais do verán, o 1 de setembro, tres mozos con acento galego atracaron unha sucursal bancaria na Derrasa. Pero tan de por aquí eran, que a familia dun deles tiña un chalé na zona. O certo é non me parece mal que a xente intente borrar parte da súa historia persoal nos currícula -como fixo o novo voceiro de Podemos Madrid, ao esquecer a condena por atracador- pois, como vemos día a día, o exceso de memoria (histórica) é unha forma de tortícole intelectual. Ademais, todo o que sexa cambio para menos malo é positivo. Ben mellor é ser voceiro dun partido en Madrid, que andar de ladrón de bancos polo rural ourensán. E lembro moi ben aquel atraco porque era xente da miña idade e algún aínda o coñecía de vista. 

Non creo que o vigués agochase o tema do asalto por ocultar unha parte da súa histórica “loita contra o fascismo” cando, e non me enganan as contas, Franco morrera había cinco anos case, e xa levabamos celebradas as eleccións xerais de 1977 e 1979, as municipais de 1979, o referendo para aprobación da Constitución en 1978 e estaba a piques da aprobación popular, o 21 de decembro dese 1980, o Estatuto de Galicia, co de “Anque chova, vota”. Que hai xente máis lenta e máis espelida é sabido. E se o oculta, non é por non deixar en evidencia esa actitude de retraso, senón por ocultar a extraordinaria incapacidade como terroristas que manifestaron, sen dúbida unha a maiores doutras, porque estas cousas nunca veñen soas.

Resulta que, como lles dicía, un dos tres atracadores da sucursal tiña un chalé familiar preto do lugar, e cando andaban na faena, os empregados chiscáronse os ollos, pois xa o recoñeceran. Por iso, na primeira chamada á Garda Civil déronlle o nome e enderezo e número de teléfono do atracador. Pero aínda máis simpático foi que roubaran un coche en Monforte para atracar o banco e fuxir... E que coche era? Un do montón? Un Renault-4 azul, como tantos outros? Un Simca 1.000? Nada diso. Non é cousa de bromear, porque andar atracando bancos é cousa mala, fea e perigosa, pero o coche usado fora, nin máis nin menos, que un Talbot Chrysler. E cor? Pois evidentemente, un tamén discreto: laranxa. Así pois van a un sitio onde un deles é coñecido e levan un Chrysler laranxa para fuxir. E non foi mala cousa, desde logo. O derradeiro acto de LAR, pois en poucas horas colleron aos tres iluminados e, de paso, ao resto da grupo, máis coñecidos todos cá ruda. LAR case desapareceu antes de nacer. Detidos na operación 16 homes -non había paridade-, en menos dun ano só quedaban seis presos. No xuízo, en 1982, foron condenados pero axiña indultados. Os rapaces xogaran con lume, pero grazas á súa suma incompetencia como atracadores deron pé á xenerosidade do estado: mellor sen mártires. Así pois, pasouse páxina e nunca se remexeu en exceso. Tampouco no de Franqueira, creo. 

Te puede interesar