Opinión

Piquetes

Hai varias clases de piquetes e non me gusta ningunha. Uns son os de fusilamento, que matan xente; e outros, os que matan a liberdade da xente, de traballar ou non. Curioso e non casual que se chamen igual. Ten que ver con esa raíz agresiva e violenta das picas e dos picos, das picadas e das picaduras. Entendo, por suposto, que durante unha ditadura existisen piquetes que servisen para desculpar aos obreiros perante os patróns coa idea de que se non foron traballar é porque fisicamente llo impediron. 

Pero desenganémonos, os “piquetes informativos” neste mundo de liberdades, de absoluta, permanente, instantánea e constante exposición e interacción comunicativa, non teñen nada de que informar. Porque unha persoa ten xa toda a información ao seu acceso, e sobre ela forma unha opinión e toma unhas decisións. Os piquetes, non nos enganemos, teñen só unha actitude abafante e coactiva e, ás veces, violenta. Non é que informen uns pobriños desinformados que non teñen radio nin televisión nin saben ler nin escribir, que hai un paro laboral, senón que tratan de impedir fisicamente o exercicio dunha liberdade complementaria á da folga que é da asistencia ao traballo. Máxime falando de autónomos.

E desde a comprensión absoluta da desesperación dos transportistas, sobre todo dos autónomos que non teñen colchón empresarial no que acocharse, teño que dicir que lles son, especialmente, pouco amigo das folgas de transporte porque pagan de forma especial xustos por pecadores, inocentes por culpables. Ou sexa, na circunstancia actual, granxeiros, pescadores, industriais, cidadáns do común, que padecen os mesmos nocivos efectos da suba do gasóleo -xa sei, en diferentes medidas- ca os transportistas, fronte uns pecadores ou culpables cada vez máis difíciles de localizar, pero que identificamos nos mandos políticos por detentaren as difíciles responsabilidades da xestión do vivir colectivo.

E sonlles pouco amigo das folgas do transporte porque lembro que en Chile foron o preludio do golpe de Pinochet en 1972. Non. Folga non é, nin foi nunca, sinónimo de progresismo. Iso é como confundir a Putín coa URSS. Cousa frecuente, por certo.

Por iso me resultou desacougante ver a ministra volvéndose contra a desesperación dos transportistas dicindo que detrás da folga estaba a extrema dereita como se isto fose deslexitimizador da mesma. Ah. Vale. Os históricos piquetes da extrema esquerda, os que sempre lles rompían os cristais a Montgre, por exemplo, sempre gozaron do beneficioso pechar dos ollos da esquerda sistémica, pero agora estes, porque serían doutra idea política -que non o creo, só da desesperación- son condenados, son violentos e ogros. 

E si. Debe o Goberno falar de inmediato cos desesperados. Deben impedir que a cadea de desastres se enlace. Veñen tempos duros -durísimos seguramente- e sería bo que todos soubésemos que debemos estar tecidos e unidos fronte á adversidade. Comprendemos todos a desesperación de mariñeiros, de granxeiros, de transportistas... de todos os afectados na primeira liña das subas dos combustibles e na carencias das materias primas. Pero non pode devir no canibalismo que o outro día moi graficamente nos dicía un granxeiro de porcino: “Se en tres ou catro días non hai penso, empezaranse a comer uns a outros”. E non somos tan distintos. Aí están os xenotransplantes e o vello refrán: “Se queres saber por dentro como es, abre o porco e aí te ves”. Así pois, afastémonos dese modelo animal que nos vén da raíz. Tezamos fíos solidarios con Ucraína, si, pero non descoidemos a casa. Ten que haber solución. E a mellor forma de buscala é sempre coa cabeza fría en momentos quentes e con calma en momentos de desacougo.

Te puede interesar