Opinión

O problema dos deberes

O dos deberes é un problema. Sobre todo de proporción, equilibrio e de nome. Pero é que a palabra “deber” ten hoxe mala fama. A algúns, en eterna primavera mental, sóalle a franquismo e ditadura mentres que a palabra dereitos sóalle a liberdade e democracia. E non. É como inspirar e expirar ou cara e cruz; dúas caras da mesma moeda. Sen cumprimento de deberes por parte de todos, os dereitos non dan existido. Digamos que se non pagamos impostos, non hai cartos para servizos. Da Policía a Sanidade, da Educación á Cultura. Da construción de estradas á xestión de escolas ou hospitais. A cousa non ten moita ciencia, por iso tanto como educar en dereitos, debemos educar en deberes. E de non existiren dereitos, non habería forza moral para reclamar deberes. Pero existen ambos.

E imos cos escolares. Se cadra deberíamos modificar a denominación. Non cambiar “deberes” escolares por “tarefas” nin nada parecido. Son cortinas de fume. Senón, por exemplo, e directamente, poderiamos cambiar esa palabra por “dereitos”. Si. Eu teño dereito a que os profesores lles marquen aos meus fillos tarefas para a casa que contribúan a educalos na responsabilidade de que a aprendizaxe non é só cosa cinguida á permanencia no edificio escolar baixo a ollada do profesor, senón que debe ser unha inercia permanente, unha habilidade adquirida por el mesmo e coa orientación dos adultos que o rodean. Si. O alumno ten dereito á orientación dos profesores para usar unha parte do seu tempo na casa e no medio social no que se desenvolva, en temas que o fagan crecer intelectualmente, e os pais teñen o dereito de axudalos para que vexan os críos o interese que teñen na súa educación e que non só aprenden por mans dos profesores. Ten dereito o alumno a que lle posibiliten a necesidade de visitar unha biblioteca pública e ten dereito a que promovan o uso positivo da web, incluso na casa. E ten, por suposto, dereito a que os profesores valoren o esforzo persoal en mellorar e medrar, cando está na casa ou coa familia. Ten dereito a saber, canto antes, que ninguén vai traballar, estudar ou aprender por el na vida. 

Evidentemente ten o dereito a que o eduquen en hábitos de traballo, esforzo e constancia. Ten dereito a que se interesen por el sempre. Por suposto que non é cousa de machucar aos infantes con traballos desproporcionados que lles fagan estar horas e horas enriba dos libros e que non lle deixen tempo para xogar e interrelacionarse cos demais. A verdade é que estes casos escasean. E todo exceso é malo, por suposto. Desde as actividades extraescolares á caza de pokemons. Pero o exceso do cultivo da nugalla, do dolce far niete, de afacerse a protestar sen render nada á sociedade, é dos peores excesos que hai. Así, ese enfrontamento público cos profesores por parte dunha minoría ruidosa de pais, que reclaman a supresión dos deberes, non parece ter nin pés nin cabeza. O dereito á educación do neno esixe o deber de colaboración dos pais. Trátase de facer un tándem na que ambos pedaleen cara ao mesmo fin e no que leven ao neno na cesta prendida no manillar. Claro que se meten paus na roda máis próxima ao profesor -ou aos pais- o resultado non acostuma ser nada bo. Así que, calma e a pedalear xuntos.
 

Te puede interesar