Opinión

Síntoo, pero disinto

As leis existen porque os individuos son responsables. Si. Dotámonos de normas para vivir en sociedade, organizadamente. E como non estamos nunha ditadura, nin nun caos, o poder e exercicio da nosa responsabilidade chega ata o punto de elixirmos as persoas que nos gobernan. E se sentimos que nos equivocamos, pois nun pouco tempo cambiamos de “capataces”. É o máximo a que se chegou na historia da evolución humana: o individuo responsable de elixir ao que manda.

Pero nos países de tradición e moral protestante esta asunción da responsabilidade individual como integrante dun corpo social, está moito máis viva que nos de tradición católica. Por iso, pola nosa tendencia ao ocultamento do individuo no medio dos outros, a idea da democracia non se vive da mesma forma nuns sitios que noutros. No sur católico sempre buscamos salvadores ou culpables, santos ou pecadores, alleos a nós para non asumir a transcendencia das actitudes persoais. E así aparecen movementos magmáticos, plataformas e asociacións que viven do natural fluxo de simpatía polo débil fronte ao poderoso e da prevención ante a novidade. O culpable será sempre o outro; o sistema, os políticos, os inmigrantes e nós, refuxiámonos nunha impostada inocencia virxinal. Pensemos no referendo do outro día en Suíza. Rexeitaron un salario mínimo de 3.700 euros. Imaxina alguén algo parecido en España? O colectivo di non. Nada de traspasar de responsabilidade.

E imos co accidente de Angrois. Evidentemente debe haber sempre a máxima seguridade, pero sempre tamén estará o individuo como responsable final.

Porque por moitas medidas que se tomen, ao final, hai unha persoa. Imaxinemos que un condutor de autobús vai falando distraidamente por teléfono e se espeta na fin da recta de Tamallancos. Alguén vai dicir que quen planificou esa curva? Como non vai un segundo condutor supervisando o do primeiro? Quen foi o técnico que non puxo máis sinais de tráfico avisando de curva perigosa? Por que permitiron o letreiro que pon “A RAA BARRAL” e que distrae aos condutores con tanto AAA? Non. Non é tan fácil esparexer fume. A responsabilidade no traballo é adecuar o exercicio profesional ás circunstancias. Igual que fai o condutor de autobús, o piloto de avión, o capitán do barco, o médico, todos os que levan na súa man a responsabilidade das vidas alleas, deben exercela con absoluta dedicación e coidado. E, desde logo, incompatible con falar distraidamente por teléfono. E cen ollos. E frear cando se vai chegando. Como antes de entrar no túnel do Formigueiro, por baixo de Parada de Amoeiro cando vimos cara a Ourense. Como haberá que facer en Taboadela, se algunha nova investigación sobre Adif e a corrupción na decisión sobre trazados disparatados, de caixa e cazo, non o impide. Non. A responsabilidade do accidente non é razoable tratar de adxudicarlla ao ministro ou aos técnicos de Adif por moito que acelerasen as obras a través da escolla duns sistemas de seguridade homologados en vez doutros.

A inmensidade da traxedia e da dor que comezamos a padecer hai case un ano non nos debe facer ignorar o evidente e buscar tres pés ao gato.

Te puede interesar