Opinión

A situación de Baiona

Si. Levo pensado bastante na situación topográfica de Baiona e creo que é significativa de como decisións políticas poden influír decisivamente en escollas que, andando o tempo, poden parecer estrañas. Como a vitoria, no seu día, do sistema VHS sobre o Beta -moito mellor- no mundo dos vídeos, e descansen en paz ambos. 

Pero volvamos ao conto. Cando se estableceron os romanos neste zona privilexiada de Galicia que é o Val Miñor, asentáronse principalmente en Panxón, nas proximidades da Madorra, e na cima do castro que está sobre o Club de Iates. Dáme a impresión de que é o porto natural lóxico, desde época fenicia, pois está resgardado dos ventos do norte polo Monteferro e dos do oeste pola Estela de Fóra e de Terra. Así o testemuñan os restos romanos entre os que destacan un marabilloso mosaico de motivos mariños -relacionado, se cadra, cun obradoiro itinerante de orixe tunecina, e actualmente en Estados Unidos- e, tamén, os restos altomedievais que hoxe se reducen ao arco visigótico de Panxón, unha reliquia arquitectónica infravalorada turísticamente. Así, pois, sabemos que romanos e xermánicos, preferiron a zona norte do pequeno golfo que vai do Cabo Silleiro a Monteferro. 

E cando e por que cambiou a preferencia ao sur, isto é ao núcleo de Baiona como encrave principal? Pois paréceme que é cousa baixomedieval e política. Unha das moitas cartas de poboamento feitas polo rei Afonso VIII de Galicia e León (IX para o cómputo de Castela) e avó de Afonso X O Sabio, o mesmiño que ten a escultura co cabalo, felizmente trasladada a unha rotonda de entrada a Baiona, unha desas cartas de poboamento, digo, foi feita para atraer xentes ao lugar da vella Erizana, que seica era o nome vello para Baiona como Burgo do Faro era para Coruña. Pois ben, relacionada con esta preferencia dos poderosos estaría a construción da fermosísima igrexa da colexiata de Baiona -saben que as colexiatas eran os lugares de formación dos cregos antes de que en Trento, a comezos do XVI, prescribisen a construción específica de seminarios- e a construción das estruturas defensivas de Monte do Boi, hoxe Parador de Turismo, e algunhas casas nobres con escudo como as do Pazo de Mendoza. Despois veu o trato con América, a exportación de sardiña seca e viño do Ribeiro a Cuba ata o establecemento do monopolio sevillano e a vila medrou.

E unha boa parte da vella Baiona, apegadiña ás murallas do Monte do Boi, no lugar que hoxe ocupa a Palma, foi mandada arrasar por outra decisión política, coa intención de deixaren libre un espazo que facilitase a defensa do conxunto. Creo que foi en tempos de Carlos III. 

Por certo, hai un par de anos escoiteille a un dos máximos sabios toponímicos do país, Gonzalo Navaza, morador do Val Miñor, a orixe do nome de “Fonte de Ceta”, situada, como saben, no interior de Baiona. Pois pola documentación que manexou resulta que ese nome Ceta vén da vella praza hispana do norte de África, Sebta > Cebta > Cepta> Ceuta (pronuncia vulgar, como Conceución, por exemplo) ou Ceta, aquí simplificado. E parece que nos finais do século XV viña ser un topónimo denigrativo vinculado a marxinalidade como nos anos cincuenta a setenta xurdiron outros nomes exóticos para barrios marxinais das nosas cidades e vilas, e penso na Coruña, Sanxenxo e Ourense, e denominacións de películas, como Katanga, Corea ou Wichita.

En fin, que me parece mellor orientado Panxón, máis protexido dos ventos do norte, etc. e pode que a política levara a vila para outra parte. Pode. Inda que Baiona, con menos sol, tampouco está mal. Nada, nada, mal. Nada. Nada de nada. 

Te puede interesar