Opinión

VOCEIROS, PORTAVOCES E VELOCIDADES

Permítanme que me arrime ao portugués. Os irmáns de abaixo chámanlle ao que fala en nome de compañeiros de partido, de goberno ou de calquera grupo 'porta-voz'. Nada raro, pois en italiano din portavoce, en catalán portaveu, en castelán portavoz, e en francés porta-parole. E definen no dicionario a aquel 'Que fala muito e em voz alta; gritador, berrador; parlador, falador' como 'vozeiro'. Entrementres reservan a entendible voz 'linguarudo' para 'falador chocalheiro e que nao guarda segredos' e dan como sinónimo 'linguareiro'. Máis ou menos o que sería o noso 'lingoreteiro' ou 'laretas' definidos nos nosos dicionarios. Curiosamente a palabra 'vocero' do castelán, no sentido do portavoz, avanza consonte á súa realidade sudamericana. Alí, efectivamente, os portavoces dos gobernos son 'voceros' o que non quere dicir que sexan 'boceras', palabra desa lingua escrita con b, porque seica está orixinada na suciedade que aos larafuzas lles queda pegada por fóra dos labios, da boca, e que por extensión, pasou a definir a aqueles que falan de máis sen ter moi conta e coidado do que se di. Os nosos laretas.


En fin, que non sei se sería mellor falarmos de portavoces nós tamén. Pero a tradición dos últimos anos é que nos arrimemos ao castelán sudamericano e digamos 'voceiros'. En fin, eu farei sempre o que me digan as miñas autoridades lingüísticas. Real Academia e ILGA, claro.


Pero imos co conto. Lembreime da palabra e das súas voltas e reviravoltas porque escoitei ao portavoz do PP, González Pons falando do tema do tráfico. Ten el formas suaves no dicir, algo de agradecer nun momento no que cómpre calma vital e buscar puntos de encontros para sacar adiante este cacho de mundo onde nos cadrou vivir, pero o malo é cando fala e con esas formas dondas di cousas 'linguarudas' e excesivas. Por exemplo cualificar a medida de poñer o límite de circulación nas autopistas a 110 de 'soviética'. Home, señor González, un pouquiño de relax. Se cadra non lle gusta a cousa, pero o que se di soviética-soviética, non parece. Ademais sabemos que os radares 'saltaban' a 135 co límite a 120. Agora, se o poñen a 110, saltarán a 120. Supoño. E aínda que non fose así. 110, nestas circunstancias, chega ben. Moderémonos todos. Fíxense, 100 quilómetros de distancia a 120 por hora fanse en 50 minutos; a 110 en 55 minutos e a 100 por hora en 60 minutos. Estamos falando, pois, de cinco minutos máis ou menos nun traxecto habitual entre capitais de Galicia. Coa medida poderase concordar ou non, pero non parece insensata. Os condutores sabemos que consume moito menos un coche a 110 que a 120, e sobre todo contribúe á eliminación da canseira e do risco inútil. Cinco minutos non son nada máis que a diferenza entre conducir co máximo relax ou algo de tensión evitable. Afagámonos. Que non todo o que fan uns está ben nin todo o dos outros está mal. Que se o deus é bo, o demo, malo de todo non parece. E se se sacan uns cartiños extras para o peto do estado, tampouco é mala cousa. Que non corran tanto uns e que o gasten ben outros.

Te puede interesar