Opinión

Xustiza universal

Axustiza universal é unha idea marabillosa. Igual que a bondade, a saúde, a beleza ou a riqueza universal. Pero é tan difícil de concretar como calquera desoutras ideas. Nos estados modernos hai un corpo específico de persoas dedicadas á mediación entre os comportamentos dos individuos, os xuíces, que conta con capacidade de interpretar normas e ordenar medidas contra os transgresores, e incluso contra gobernos. E onde non hai esta forma de organización civilizada, é conveniente se poida estender a Xustiza de esferas superiores. Pero élles moi complicado. Desde que existen a ONU e os tribunais da Haia, parece, deben ser instancias internacionais as que gobernen eses temas.

Todo empezou, realmente, despois da II Guerra Mundial. En Nuremberg colgaron algúns dos asasinos nazis destacados (só 11; cumpría calma) mentres que moitos colaboradores foron fichados pola potencias gañadoras para os seus proxectos científico-militares. Incluso, con excesiva man esquerda, deixaron fuxir a un dos impulsores da “solución final”, o gran muftí de Xerusalem, Amin Al-Husseini, e convertérono en heroe, no seu mundo, e en líder da oposición ás decisións da ONU sobre Palestina e predicador da guerra. Así vai a cousa. En fin, despois da Grande Guerra, establecéronse mecanismos de prevención: a ONU e a Corte Internacional de Xustiza para resolver asuntos correntes, e a Corte Penal Internacional coa misión de xulgar persoas acusadas de cometer crimes contra a humanidade.

E aínda que están moi politizados ese tribunais, parece que o sentido da xustiza universal ten que ir por aí e non polas inxerencias horizontais duns países noutros. Non parece lóxico que un chinés poida presentar unha denuncia en Mósteles contra o Mao porque lle mataran un avó cando entraron en Shanghai, en maio de 1949. Nin un xaponés en Ferrol pola morte de miles de inocentes en Hiroshima e Nagasaki. Eu enténdolles, perfectamente, o enfado que hai en boa parte da opinión pública arxentina contra a xuíza María Servini, famosa por censurar a un humorista, Tato Bores, en 1992 porque quería ironizar sobre ela, o que provocou unha marea solidaria entre os artistas arxentinos que lle compuxeron unha canción “La jueza Barú Budí, Budía es lo más grande que hay”... Entendo, digo, o enfado pola súa prepotencia e por dedicarse a unha causa xeral contra os crimes do franquismo, desde 1936 a 1975, en vez de atender ás cousas da casa, que onde investigar, se quere, ten abondo.

En fin, os xuíces son humanos, non deuses, e non poden estar por riba de todo. O sentido da xustiza e sentido común deben confluír na interpretación da lei. E obviamente, non son eles quen de indispoñer un país contra outro, nin propiciar a saída do cárcere de narcotraficantes interpretando dunha forma –seguro que había outras- algunha reforma legal. Ben saberían, se quixesen, encerellar as cousas e aconsellar, polas súas vías, os axustes para que os delincuentes non se visen favorecidos.

Parece cousa de países de pandeireta e segunda división. Imaxina alguén a Inglaterra, Alemaña ou Francia chamando a declarar ao presidente de China pola invasión do Tibet, ou soltando narcos pola cara? Eu non, desde logo.

Te puede interesar