Opinión

MONTEALEGRE OU O CHURRASCO DAS IDEAS

Odía 12, sexta féira, fun de groupie dos Terra Morena ao castelo de Montealegre, nas terras barrosas do que foi a Gallaecia e hoxe se chama Portugal. Namentres o Zico Paradelo, o Bernaldo e o Heitor debullaban o seu repertorio do Jose Afonso, comparaba a fermosa rehabilitación deste espazo e o seu uso continuado coa imaxe actual do noso monte mais emblemático. O abandono e tristura do Parque do Montealegre, que tan ben reflectía a reportaxe deste periódico, recordoume os versos do Zeca: 'A cidade tem ruas de palavras desertas como jardíns mandados arrancar'. Para crearmos un mínimo de relato que contribúa a recuperar o xardín escrebo.


O PSOE en Galiza ten amosado a súa incapacidade para formular un proxecto socialdemócrata pensado dende e para o país, coas consecuencias inevitábeis para o deseño de políticas e proxectos locais. Un exemplo, aceptase acriticamente un modelo europeo que extingue o valor material,ecolóxico e simbólico da nosa agricultura e despois se gastan os cartos na ribeira do Barbaña nunha horta educativa (rodeada das hortas reais que ninguén valora). Coido que ha ser para que os ourensáns asistamos aos altos seminarios sobre a distinción entre allos e bugallos. No caso do Montealegre non se trata de discutirmos se o Parque é botánico ou magosteiro, senón de pensarmos que foi, que é, e que queremos que sexa este monte na súa realidade de espazo forestal peri urbano. Deste xeito evitariamos construir edificios sen considerarmos a conexión dos seus usos e actividades coa Acrópole de San Francisco ou plantar especies arbóreas sen ler o seu habitat. Ou de facermos o ridículo de señoritos de caldo a merenda gastando os cartos nun miradoiro, ao carón da Cruz, que ofrece menos visión que calquera das penedas que o rodean.


O protagonista da novela de Ford Madox Ford, 'O último desfile', acredita tan sinceramente no credo conservador de Deus, terra e familia e nos valores 'torys' do honor, lealdade e traballo que se abstén de participar na vida pública do novo capitalismo da 'belle epoque' convencido de que lle resultaría imposíbel a súa práctica. Ourense precisaba de conservadores desta caste que usaran a súa representación municipal para desenvolver o noso monte. No canto disto se dedican ao insulto basto, á descualificación paifoca e o boicoteo dende a Xunta e Madrid de proxectos como este. Conflúen co liberalismo da época Cabezas que desenvolvía empresas privadas coa seca das Burgas e parece que o seu programa é o daquel siareiro do ex alcalde que nunha cafetería do barrio dicíame que eu estaba en contra do progreso por votar na contra do PXOM e que en Ourense por fin se poderían parcelar os montes para edificar 'chulettes' e 'paredados'. Naquel momento atribuín o lapsus linguae á fame cósmica que temos os galegos, sempre adoecidos por papar unhas costeletas, e non á incontinencia especulativa daquel home.


PSOE e PP tratan ao parque como un cadáver. Os primeiros para agochalo e os segundos para darlle valentes lanzadas de mouro morto. Pero o morto, como nos filmes de Wes Craven, abre os ollos no último segundo, nos recorda a súa presenza e pide reanimación. Os nacionalistas galegos apuntabamos solucións que expoñeremos nun próximo artigo. Th,th,that´s all folks.

Te puede interesar