Opinión

Contra as mulleres

Oprincipal ideólogo da igrexa católica, San Agustín, foi antes da súa conversión un fervente maniqueo no doutrinal e un “vividor follador” (como o frustrado machiman de “Aquí no hay quién viva”) no persoal. Despois de anos de mancebías, a súa nai, santa Mónica, logrou que abandonara á súa parella e empezou unha vida de fuxida de toda presenza feminina. Como pensador católico fundamenta entón o pecado orixinal no uso por Adán e Eva dos órganos sexuais no Paraíso, e constrúe un monumento doutrinal onde a muller e a sexualidade son os inimigos radicais da Salvación. O matrimonio só está xustificado como mal menor para facer posíbel a procreación ou para dar unha saída menos pecadenta á incontinencia sexual. Un célibe é acredor a un 100% da graza divina; un viúvo, ao 60%, e un casado, ao 30%. Un “coitus interruptus”, por atentar contra a concepción, é mais puníbel que o incesto coa propia nai. No caso de perigo da vida da muller embarazada, debe prevalecer sempre a do feto, para posibilitar o seu bautismo e evitar a súa condena ao inferno. Son exemplos dun xeito de pensar que aínda hoxe é o corpus oficial dunha versión do catolicismo que agora o PP incorpora á norma civil. Se alguén pensa que desvarío, que examine os razoamentos que sustentaron o recurso do PP contra a primeira lei despenalizadora do aborto en España. Alí atoparán a reprodución literal dun concepto sectario e supersticioso da vida humana. Por exemplo, un dos recorrentes fala de autorizar o aborto só até os 40 días posteriores á fecundación. Calquera se preguntara perplexo, e porque non até os 20 ou os 100?, até que recorda que o bispo de Hipona ditaminou (nun calco da fisioloxía aristotélica) que a alma chega á materia aos 40 días. Iso si, sempre que te chames Manolo. Si es María, como segundo esta cosmovisión unha muller é un “varón falido”, a súa alma tardará 80 xornadas en “arrivare a casa” .E se é un Manolo que se volveu María? So Gallardón sabe.


Nada disto ten sentido para aqueles que non somos parte da Igrexa Católica nin coido que para a maioría dos seus fieis. O problema é que os dirixentes do PP teiman en introducir estes plantexamentos na lei positiva como un pretendido dereito natural. A consecuencia é tratar de novo ás mulleres como inferiores ou menores precisadas de protección. Nun pasado inmediato médicos confesionais practicaron a cirurxía, incluso con sacrificio da nai para poder bautizar ao feto no seo materno. No actual proxecto de lei do aborto, o embrión é de novo o centro ideal de dereitos e por iso debe nacer incluso cando padece malformacións gravísimas. Ula diferenza?

Os cristiáns que non confunden a súa fe coas elucubracións perturbadas dun grupo de célibes recalcitrantes deben falar para contribuír a que as mulleres en España teñan unha lei informada por principios democráticos e aconfesionais. Unha sociedade plural precisa tamén de conventos pero estes, como o Telema imaxinario de Rabelais, deben acomodarse á regra da liberdade e non á da forza ruín que aferrolla á xente ben nacida e instruída.


Th, th, that´s all folks.

Te puede interesar