Opinión

NO DÍA DA PATRIA GALEGA: CANDIDATURAS POPULARES

Tempos e costumes aqueles nos que o Leviathan actuaba ao xeito que imaxinara o xurista e filósofo Bentham. No seu deseño dunha cadea (o Panóptico) un garda controlaba todo dende unha única torre central. Hoxe o poder actúa planetariamente nunha infinita e difusa rede nerviosa coa represión e coerción màis extremas. Un poder que pode permitirse a licenza de empregar a un rexistrador da propiedade de provincias interpretado por Mariano Ozores para aniquilar o borrador do estado social e recriar unha España baseada nos piares da Restauración (provincias, bipartidismo de saqueo, código penal para o pobre e o disidente).


Fronte a isto a xente méxese e pide instrumentos políticos acaídos. E cal é a resposta na nosa nación? Un alude de ismos con tendencia ao infinito: galeguismo, nacionalismo, independentismo, progresismo, comunismo, socialismo? O absurdo da situación evidenciase ao coñecermos o debate que centrou a derradeira asemblea local do BNG de Ourense: como guindar do seu omnímodo poder a ese íncubo do neoliberalismo financeiro que é o Etelvino Blanco da CIG (unha aperta). Outros sabios se ocupan en negarlle aos militantes do Bloque o dereito a iren ás manifestacións en apoio da lingua galega cos seus símbolos e en culpabilizalos de que por iso non asista a elas o presidente Feijóo. Mañá estes posuídos do Xenio atribuirán a ausencia dos ateos nos santos oficios á agresividade dás anciás cando exhiben o misal e debullan as doas do rosario.


Estou convencido de que unhas candidaturas populares apoiadas polo abano de partidos que defenden xenericamente a identidade nacional galega e a xustiza social recadaría preto do 30% dos votos e hexemonizaría un goberno galego en coalición co PSOE. Estas candidaturas poderían conformarse nun proceso aberto de elección directa pola cidadanía previamente inscrita e debería hibridar a persoas sen adscrición partidaria con militantes das organizacións que as apoien. A xente do mundo achegaría renovación, proximidade, vidiña. A militancia experiencia de loita, organización, constancia. A combinación resultante sería a dunha república popular que camiña e que refuga o populismo neo falanxista, o discurso do todos son iguais. Unha república centrada en compromisos básicos como: criar un instrumento financeiro público galego; desenvolver e aplicar a lei de saúde galega do 2008 e o plano de normalización lingüística demolido por Feijoo; elaborar e aplicar novas e completas leis galegas de igualdade de xénero,de benestar,de ensino público e de sostenibilidade territorial.


Un programa apto para autonomistas e moderados. E aqueles que nunha primeira lectura o consideren esluído reformismo que pensen que un goberno que aborde con realismo e sen concesións estes obxectivos necesariamente sobordará os actuais Estatuto, Constitución e Tratados Europeos. O lúcido cartel deste Festigal retrata a unha moza zombi. Quizás aínda non sexamos mortos vivos pero recoñezamos que temos menos vida social que un teletubbie. É hora de promiscuidades. En 'London Calling' os Clash chamaban aos 'boys and girls' do infra-mundo a saíren do armario. Escoitemos. Th, Th, That,s all, falks.

Te puede interesar