Opinión

O PXOM: Limitarse é expanderse

Esta frase, tirada de Goethe, sintetiza a solución as cuestións que eu coido fulcrais para un planificador en Ourense. Superar a falsa dicotomía entre rural e urbano; pensar a cidade, no canto de cómo periferia de Madrid, como parte dunha rede auto centrada, nó dun imaxinario común que chamamos Galiza; distribuír o espazo e o tempo urbanos en función das necesidades e desexos dos comúns, das mulleres; apropiármonos socialmente das plusvalías que orixina o urbanismo para reinvestilas en solidariedade; entender a vivenda como un dereito básico; deseñar un modelo de desenvolvemento baseado na aplicación do coñecemento aos nosos recursos nunha realidade local e planetaria de recursos limitados; propiciar a participación constante do pobo como alicerce do anterior.


Creo que o documento presentado é bo tecnicamente e un meritorio esforzo socialdemócrata para responder a algunhas das cuestións anteriores. No entanto, preséntanos unha solución falida porque se dá no marco dunha concepción capitalista da propiedade e no da dificultade do PSOE en Galiza para pensar autonomamente o noso territorio.


Analicemos agora a resposta dos grupos da Corporación. O“voceras” do PP, Milhomes do exabrupto, enuncia unha posición idéntica á catástrofe do Plan Cabezas do ano 2003. As plusvalías urbanísticas son o dereito oligopolístico dos de sempre, a cidade existe para o cemento e o automóbil, a vivenda é unha mera mercancía e o reparto tradicional de roles de xénero algo inherente á natureza. Así, por exemplo, con 14.000 vivendas baleiras piden 35.000 novas apelando, na súa ignorancia, ao liberalismo. Ignorancia pois que os liberais de todo o mundo (en España até a Lei do Solo franquista do ano 1956) defenderon sempre que o dereito a urbanizar é público (non unha facultade da propiedade) que se exercita a prol do ben común por medio da expropiación. Se calquera liberal europeo erguera a cabeza cantaría abraiado aquel clásico da “Polla Records”: ¡Cristo, Cristo, qué discípulos!


En canto ao BNG local, coido que o seu serodio e medoño si inicial é o resultado da súa incapacidade para criar discursos alternativos alén dos marcos dados. Por iso, a pasares do seu desexo de diferenciación do goberno, ao examinaren o texto se viron ante unha aceptación forzada. Agora condicionan o seu si final a unha segunda exposición ao público nunha visión pobre e formalista da participación. Cre realmente o BNG que os déficits neste eido se corrixen porque os papeis estean outro mes nas oficinas?


Chegamos finalmente a DO. Perdoen mais descoñezo que din aínda que me deran innúmeras ocasións para saber. Mea culpa por perder o tempo nas “manis” pola pediatría en Ourense e non acudir á magna movida popular por uns vaos ceibes convocada polos singulares “liberados” do partido político que abomina da política e dos seus profesionais .
Nunha vindeira entrega falaremos das bases do que podería ser un modelo extra muros á proposta presentada. Un modelo na vaga de xuristas como Duguit que pensaban a planificación pública para criar solidariedade social. Th, th, that's all folks.

Te puede interesar