Opinión

“A conto do político”


Non se nos alborote o galiñeiro. Acabo de escoitar cantar a un galo. Farao aínda moitas veces ó longo do día e non só cando o sol anuncia a súa ascensión cara o meridiano superior do lugar no que afortunadamente habito… e que sexa por moitos anos e que vostedes o vexan… se é que a ben o teñen.

Onde eu vivo xa non se escoita o cuco e deixaron de vir os ouriolos paparme os figos dunha figueira que xa non existe. Tampouco os buxos centenarios que podreceron levados dun bicho que os foi secando, e secando, e secando deica dar conta deles. Colmeas non quedou nin unha; disque por culpa dun insecticida que botaron para conservar os eucaliptos, mala centella non os coma, porque o que o insecticida se levou por diante foron as abellas todas… que non facían mal a ninguén, nin moito menos.

Algún raposo aínda queda. A outra noite entrou un deles no galiñeiro dun novo veciño e algunha comería pero matar matounas a todas. Non deixou unha viva o condenado. Hai un par de semanas vin un porco teixo vitimado por un automóbil e hai uns días tres ourizos pequenos esmagados vai ti saber por que desaprensivo. E xílgaros xa non se ve ningún. Hai trinta anos, cando aínda se cultivaba o trigo do país, era posible que nas frías mañás do inverno unha bandada deles se viñera pousar nas espidas polas dalgún arbusto. Era unha gozada. 

Xa non se cultiva o millo. A miña muller poñer ponlle comedeiros cheos de alpiste pero so os aproveitan os pardaos. O pienso dos cans, que se agacha nas tolvas que os abastecen é aproveitado por corvos e pegas, tamén por merlos. As bubelas pasan deles e conténtanse con sobrevoar por riba de nós pero sen se expoñer a ningún perigo. Mal saben que os cans son de confianza e están ben educados.

O novo veciño, o que montou o galiñeiro nada más se incorporar a este lugar que nin sequera é aldeiña, senón simplemente lugar e a moita honra, aínda non se repuxo da desfeita e encheu de novo o galiñeiro. Porén, cando avisei ó comezo de que non se me alborotase o galiñeiro, referíame a que pretendía avisalos de que podían seguir lendo que non lles ía falar do resultado das pasadas eleccións. Como estou a escribir con certa anticipación non sei, no momento no que o fago, cal será o resultado de hai unha semana cando nos achegamos ós colexios electorais. 

Ouh, aquela expectación primeira dos días da democracia recen estreada, cando aínda non se barruntaba que a Constitución nos traería esta partitocracia que tan pouco nos ilusiona a uns cantos desaprensivos coma min. Así que, polo menos, temos o galiñeiro político parcialmente renovado ou así é doado supoñer. Porén as cousas han seguir máis ou menos como estaban. Deberíamos pensar nos concellos que, nos pasados anos, cambiaron substancialmente o seu estado? Aqueles nos que a vida dos seus cidadáns é outra e distinta tirando a millor porque, non son poucos os que seguen coma sempre e mesmo aínda a súa calidade de vida mirrou mentres noutros concellos, as veces mesmo lindeiros con estes, ían a millor e os seus cidadáns desfrutaban das súas novas condicións de vida.

Agora, a penas rematadas as eleccións locais, xa se preparan as xerais; comeza xa que logo a quenda de se preguntar cousas, cousiñas e cousazas ó respecto; por exemplo, que foi da banca galega, a do Pastor e as caixas de aforro, que foi do enorme labor cultural que desenvolveron estas, que do seu patrimonio inmobiliario. Aínda temos unha sanidade pública que nos envexan por aí adiante, pero non é mentira que, respecto da que nos trouxeron os primeiros pasos democráticos, está bastante deteriorada. Que sucede coas hidroeléctricas que baleiran os encoros, obteñen pingues beneficios e pagan multas irrisorias? Porque razón temos nós máis eucaliptos que os existentes en Australia? Deberemos importar koalas e dedicarnos á súa cría? E coas conserveiras agora en mans chinesas ou coas compañías de navegación pesqueira agora tamén en mans canadianas? 

En que mans vai acabar Galicia, o que queda dela? Chegadas as vindeiras eleccións quen resulte elixido nelas como presidente de Galicia, sexa o actual ou sexa o que as gañe, ten por diante unha longa tarefa de reconstruír o que tanto se leva perdido. Non importa quen sexa. Gato branco ou gato negro o que importa é que cace ratos; é dicir que sexa un gato murador con independencia da color política que vista. A obsecuencia é un dos males que atravesamos. En que consiste? Hai un vello chiste, algo escatolóxico de máis, que o explica moi ben e ven moi, pero que moi a conto. Relata como un subalterno está sendo sodomizado polo seu superior e se volve para se desculpar pola aparente desatención que lle está prestando: Desculpe, señor, que en situación tan íntima permaneza de costas a vostede.

Un día destes sairá a venda a terceira entrega dos “A conto de…” Saíron xa o de “A conto de Fraga” e máis o de “A conto do literario”, agora tócalle ó de “A conto do político”. Nel póñense en evidencia algunhas destas situacións de obsecuente desamparo, mesmo na variante de levarlle resoltos a Madrid, problemas que Madrid non tiña prantexados. Será a nosa unha maldición bíblica? 

Galicia foi un territorio industrializado na primeira metade do século XIX. Ata que, a Cataluña que hai nada quixo impedir a chegada do AVE a Galicia conseguiu de Madrid os aranceis pró liño que acabaron con ela. Un país rico, considerado con independencia de como estea repartida a súa riqueza, non constrúe os pazos, as igrexas barrocas, a fachada do Obradoiro, nin ten que se valer da súa representación nas Cortes Xerais por medio dos deputados zamoráns como xa nos sucedeu en tempos. Hai que crer no noso potencial e abofé que o temos; dende a mineiría, a agricultura ou a pesca, dende os estaleiros ou dende as fábricas de automóbiles mesmo os de uso militar todo, ou case todo, está por renacer. Nin representantes zamoranos, nin obsecuentes do país van resolvernos nada. Haberá que deterxer ben -con independencia de que quen nos ha representar sexa de esquerdas ou dereitas- aqueles máis idóneos pra responder ás necesidades do país. Vaiámolo xa pensando. Vaiámolo xa pensando.

Te puede interesar