Opinión

Así será, como veña o vento

No ano 79 do pasado século pasei uns fermosos días de vrao na illa de Córsega. Acudín a ela convidado por Edmond Simeoni, líder do movemento corso encanado a converter o seu fermoso país nunha comunidade autónoma, algo que ós continentais (así lles din ós franceses) non lles gusta moito. Pero tranquilos, non se me alborote ninguén que non lles vou falar de política. Falareilles doutras cousas, máis amenas e igualmente necesarias.

Os corsos son lonxevos e nas casas que eu estiven tiñan os enterramentos familiares onde nós tiñamos a corte das vacas, a un lado da planta baixa; do outro lado a cociña e, no primeiro andar, os dormitorios. Tamén tiñan as sepulturas nun eidiño a carón das casas sempre con campas nas que figuraban os anos de vida dos defuntos, os máis novos de noventa anos.

Entón, non sei agora, era doado ver ós vellos sentados diante das casas falando entre eles de xeito que, ós continentais, faltáballes tempo pra acusalos de vagos. Eu creo que chegan a vellos polo ben que comen. Comín lagostas en Chile e tamén en Australia, lumbrigantes en Boston e así seguido polo mundo adiante, pero confeso sen rubor ningún que nin as nosas d’A Garda son máis sabedeiras cas de Córsega.

Se o mar é rico a terra corsa é vizosa. Teñen todos os castiñeiros que nos cumpría ter a nós, todas ás nogueiras que non temos eiquí, neste noso país no que o cultivo do eucalipto plantado en terreos propiedade portuguesa medrou un cento setenta por cento con respecto ó ano anterior. Pero falabamos do ben mantidos que están. Teñen un xamón exquisito, non lles digo o que sucede cos embutidos e o resto da alimentación. Pero teñen sona de nugalláns. Contase duns franceses que chegaron a Córsega e ó ver tantos homes, vellos e mozos, sentados a falar a maior parte do día, decidíronse a lles preguntar a uns vellos de que vivían alí. Respondéronlle que vivían da cría de porcos. Entón os continentais quixeron saber como os mantiñan e a resposta que obtiveron foi moi sinxela: “Témolos ceibos polo monte así que se manteñen a base de castañas e landras, de noces e así”.

Os franceses eran teimudos e quixeron saber como apañaban as castañas, por exemplo, e dixeron que puñan unhas mantas embaixo dos castiñeiros de xeito que ó ventar cun pouco de forza viñan a terra caendo enriba das mantas; eles limitábanse a apañalas pra racionalas o resto do ano. Un dos continentais indagadores decidiu que aqueles porcos serían todos salvaxes. Un dos vellos respondeulle que si, pero que a cambio podían considerar domésticos ós xabarís que tamén andaban ceibos polo monte adiante. Entón o francés saíu por peteneiras: “Se agardan a que o vento bote abaixo as castañas, que pasará un ano que non vente nada?” Entón un dos vellos adiantóuselle: “Ah, entón é un ano moi malo de castañas”.

Te puede interesar