Opinión

A cidade das pontes... literarias

Ofinado do meu tío Victorino sostiña que unha xordeira ben administrada constituía un capital. Ben certo é que hai xente que vale prós negocios e xente que está negada pra eles. Dígoo, sen moito máis que mirar pra min, porque non lles sei se lle levarei sacado ganancia algunha á xordeira que eu arrastro; diría que de sempre.

Hai uns días chamáronme por teléfono pra me comentar que o “Hotel Internacional” ía celebrar un congreso en Ourense. O primeiro que pensei foi ónde estaría o tal hotel pois non coñezo ningún de tal nome na cidade, aínda que non recordo se era así chamado, creo que si, un que había onde logo foi a Caixa de Aforros, alí por onde estaban os locais do Orfeón Unión Orensana no que se celebraban uns espectaculares campionatos de billar a tres bandas. Pensei logo si sería novo o tal hotel e que sería por iso polo que non me soaba. Un pouco máis tarde díxenme mira ti que raro que un hotel convoque un congreso. Por fin acordei preguntarlle ó meu interlocutor: Oie, qué hotel ven sendo ese?

Resultou que non me estaba a falar de “Hotel Internacional” ningún senón do PEN Internacional, do club de Poetas, Ensaístas e Novelistas que está espallado polo mundo enteiro adiante e vai celebrar un seu congreso mundial na cidade de Ourense nos comezos de outono vindeiro, cando a luz que apousa na cidade é única, a temperatura amena e o río baixa máis calmo por embaixo das pontes. Non lles hai como administrar tal capital como xa ven que eu o administro. Non fagan vostedes o mesmo.

Non é unha ocasión que non haxa que ter en conta, esta do congreso mundial do PEN. Máis de vintecinco mil escritores, espallados en cento corenta e nove centros, presentes en cento catro países, constitúen unha garantía certa da defensa da liberdade de expresión e na do diálogo permanente entre as culturas, ó tempo que tamén no da defensa dos escritores encarcerados, na dos dereitos lingüísticos e de tradución, tanto como na da paz entre os estados e as nacións e moito me gustaría a min que, no vindeiro e ourensán congreso, se defendese tamén a propiedade intelectual dos creadores a partires do inenarrable feito de que, en España, a propiedade de bens materiais se poida transmitir xeración tras xeración, que llo pregunten se non ós da Casa de Alba, mentres que á dos escritores, pasados setenta anos da súa morte, pasen a ser de dominio público por considerala, con toda razón, un ben cultural que debe estar ó acado de todos.

Sen embargo, o que non está nada ben é que iso suceda ó tempo que o escritor, unha vez xubilado, non poida dispor duns beneficios, os xerados pola súa obra, que van ser de pública disposición mentres que eles non teñen dereito ningún e os seus herdeiros o perden pasado un certo número de anos. Seica está penalizada a creatividade neste país, nun caso, ó tempo que legalizado o roubo da propiedade intelectual noutro? Non sucede así en case ningún outro país dos cento catro nos que o PEN ten escritores asociados. A obra literaria é un ben público, pero o Estado maltrata e penaliza a súa creación sen que lle caia a cara de vergonza; en fin, estas non só lles lerias de escritores. Qué va. Pero hoxe non toca.

Vaiamos ó que íamos. Os PEN de Cataluña e Euzkadi seica pretenderon tamén este congreso. Non o levaron. Non poucas das súas características, das que algunhas xa quedan citadas, fan desexable a simple presenza do PEN. Calquer goberno quere que o seu territorio se converta durante uns días nun centro mundial da cultura porque, ese simple aceno, a pequena chiscádela de ollo que supón, permite establecer que as súas arelas aparezan respaldadas por unha inmensa organización internacional na que non só poetas, ensaístas e novelistas, senón tamén historiadores, xornalistas e mesmo blogueiros que defenden os mesmos valores culturais e convivenciais que os escritores, sosteñen coa súa estancia tal condición, a de capital mundial deses valores, da cidade que os acolle ó tempo que tamén das institucións que apoian a súa presenza nela.

Quizais sexa cuestión de se preguntar que debeu ser o que decantou a Jennifer Clement, presidenta mundial do PEN Club, e ó seu fato de colaboradores a preferir a cidade de Ourense diante, por caso, da de Girona, centro neurálxico do independentismo catalán.

Ourense é o centro neurálxico da Xeneración Nós, o berce de Otero Pedrayo e Risco, de Blanco Amor e Carlos Casares, tamén de José Ángel Valente, amén doutros moitos máis, Alexandre Bóveda entre eles, pero non debeu ser tan só esa a única razón. Ourense é a Cidade das Pontes, afeita dende sempre a tendelos entre unha ribeira e outra, entre un lado e outro do río da vida e Galicia, que ten de vello a Ourense como capital literaria, cando Galicia está chamada a tender pontes entre a realidade iberoamericana; é dicir, entre todos os países de fala española pero tamén entre todos os da lusofonía á que a nosa condición de bilingüismo nos aboca.

Galicia, a través de Ourense, vai ter de novo a oportunidade de tender esas pontes literarias. Tal e non outro vai ser o lema que convoque ós participantes no congreso, según conta Luís González Tosar, presidente que é do PEN Clube de Galicia: “Tendendo pontes literarias”. Por iso é de esperar que aquel espírito que animou os primeiros anos do noso autogoberno e puxo en contacto as realidades empresariais construídas polos galegos espallados por todo o mundo se renove agora pra que Galicia, con epicentro en Ourense, cumpra o papel que a Historia lle leva reservando dende hai máis de cen anos.

Hai anos veu Vargas Llosa a Ourense e a cidade volcóuse literalmente en recibilo. Trouxérao a desaparecida Caixa de Aforros e podo dar fe da grata sorpresa que o escritor se levou ó se sentir querido e admirado por unha poboación que practicamente lle flanqueou o paseo dende a Caixa deica o local no que imparteu a súa conferencia, acaso o do vello hotel Internacional do que antes falabamos, se mal non recordo.

Agora acudirán de novo a Ourense escritores de sona internacional empeñados na defensa dos valores que xa quedan citados e sería bo que o mesmo ánimo que daquela acolleu a Vargas Llosa servise agora pra non facer oídos xordos e recibir ós que, en setembro, veñan onda nós como se merecen apoiando mentres a todas aquelas institucións e persoas que farán posible un encontro no que a todos nos ha ir algo nel.

Te puede interesar